Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida considera moi preocupante que nin o goberno local nin a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil tivesen un plan de actuación previsto para evitar a situación de perigo no Miño provocada polo dique levantado pola empresa concesionaria INCA para realizar as obras da Fábrica da Luz, que foron paralizadas xa hai dous meses. O grupo municipal ACE-EU trasladara a anterior Comisión de Infraestruturas e Medio Rural preguntas para que o equipo de goberno informase sobre as tarefas de control e verificación do estado do devandito dique tralo recente desbordamento do río Miño.
O portavoz de ACE-EU, Carlos Portomeñe salientou a falta de “previsión por parte do goberno local e a Confederación Hidrográfica ante as máis que previsibles recorrentes crecidas do río durante o inverno cando a propia declaración de impacto ambiental do proxecto, que data de xullo de 2012, ditaminaba que era de obrigado cumprimento realizar as obras durante épocas de estiaxe para minimizar o impacto sobre o río”. Portomeñe considera que o proxecto “nunca debeu ser aprobado polo Concello”, lembrar que este proxecto fora aprobado polo anterior goberno municipal presidido por López Orozco. “A situación é tan surrealista que nin o propio goberno coñece os termos exactos do contrato, que segundo os técnicos está a ser aínda revisado polo servizo de contratación debido a abundante documentación que o compón, que enche cinco arquivadores”. Outro feito chamativo que evidencia as eivas do proxecto é que precisamente o dique non se levantou no punto exacto indicado no mesmo porque sería máis agresivo para o río que no punto no que a empresa o decidiu construír finalmente.