ACE- EU non se posicionará cos orzamentos municipais mentres non vexan un documento real

O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida valorou esta mañá en rolda de prensa a actual situación de bloqueo orzamentario que está a atravesar o Concello de Lugo. ACE-EU non entende cómo é posible que o Concello de Lugo leve meses “sumido no surrealismo”, cos grupos políticos polemizando nos medios de comunicación e posicionando o seu voto sobre un documento que nunca existiu realmente.

“Estáse a intentar responsabilizar á oposición de que a cidade estea en maio sen orzamentos para este ano, pero quen ten en exclusiva a responsabilidade de presentar unha proposta documentada antes do remate do exercicio anterior é o equipo de goberno. Polo tanto, todos os partidos levan meses perdendo o tempo falando sobre un documento virtual, competindo por presentar propostas ao peso que non serven de nada sen dotación orzamentaria”, salientou Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU.

O concelleiro de ACE-EU quixo chamar a atención sobre o ninguneo recibido por parte da alcaldesa, que mantivo reunións con tódalas forzas políticas agás con este grupo municipal. “Nós deixámoslle claro á Concelleira de Economía na única reunión á que nos invitou para falar sobre os orzamentos, hai un par de semanas, na que só nos amosou un borrador maioritariamente manuscrito das  principais partidas de inversións; que queríamos traballar sobre a proposta definitiva e completa dos orzamentos e presentar as emendas que considerasemos convintes, e que non pronunciaríamos o noso voto sen coñecer o documento”.

Para ACE-EU, estáse a establecer unha equivalencia interesada entre os orzamentos e o capítulo de inversións, para desviar a atención de tódalas decisións cuestionables que se levan a cabo con cargo aos orzamentos. “ACE-EU non pode votar si a postos feitos a medida como a Dirección Xeral de Recursos Humanos, nin á designación de xefaturas de servizo como se fosen cargos de confianza, nin a privatización de servizos como a asesoría xurídica, nin os pagos multimillonarios a empresas con contratos caducados. Todo isto refréndase tamén nos orzamentos e ACE-EU xamáis será cómplice da irregularidade”, afirma Portomeñe.

“Outra cousa é que puideramos absternos de votar como fixemos o ano pasado para facilitar as inversións que tanto precisa este municipio sumido na parálise. Estábamos dispostos a elo, pero tanto o tacticismo político dalgunhas forzas da oposición como a deixación de funcións do equipo de goberno levaron ao bloqueo do debate plenario sobre os orzamentos”, precisou o concelleiro, que ademais quixo sinalar que se está a esquecer que os orzamentos “non é só facer contas, é tamén cumprilas”.

Portomeñe asegurou que á vista do grao de execución dos orzamentos anteriores e do continuado incumprimento de acordos plenarios, o goberno “non está en condicións de pedir o voto favorable” de ninguén xa que, en palabras do voceiro de ACE-EU: “para apelar á responsabilidade dos demáis hai que cumprir primeiro coas propias”.

O voceiro de Esquerda Unida mostrou esta mañá o seu desrédito ante que “todas esas forzas políticas que investiron a Lara Méndez como alcaldesa” agora, dixo, non apoien estes orzamentos precisamente por falta de confianza e valorou que o seu partido denunciou durante meses o incumprimento dos acordos plenarios polos que agora critican os outros partidos á alcaldía. Asemade, sentiuse sorprendido de que se esgotara o debate polos presupostos cando ainda non existe un documento físico no que se estipulen os orzamentos.

Portomeñe chamou a que o goberno local “comece a funcionar con seriedade”  e asegurou que nun tema tan importante como os orzamentos, ACE-EU ten a conciencia tranquila, pero o Concello non debería pois fai falta que se cumplan os acordos plenarios, a vontade de municipalizar servizos, tirar as torres do Garañón e outras moitas cousas nas que o concello ten que traballar.

Lara Méndez, pola súa banda, anunciou esta mañá que o goberno municipal xa tomou unha decisión sobre os orzamentos, “se falou con todos os grupos que forman a oposición e a decisión está tomada, o que nos preocupa agora é ter crédito para desenvolver propostas a favor do municipio”. Estas propostas se levarán a cabo a base de recoñecementos de crédito nos plenos.

Por outra banda, Carlos Portomeñe deu a súa opinión tamén sobre o feito de que a xuíza Pilar de Lara decidira dar un novo pulo á investigación sobre a recalificación de terreos no entorno do campo de golf. O voceiro de esquedas afirmou que está do lado da Xustiza e que non se pode esquecer que “Pilar de Lara Cifuentes non só abriu novas dilixencias contra López Orozco senón que tamén imputou ao exconcelleiro Francisco Fernández Liñares, quen fóra Teniente de alcalde e responsable de Urbanismo”.

“No caso de Liñares parece como se ninguén tivera dudas, sen embargo no caso do exalcalde aínda se manteñen”, explicou Portomeñe quen dixo que apoiaría calquera decisión que tomara a xuíza ao respecto. “Considero que hai un intento de intimidarme por denunciar un feito que é demostrable, pero eu non vou ceder, e vou seguir cumprindo coa miña obriga constitucional”, concluiu o voceiro de ACE-EU, ante a pregunta sobre a denuncia que recibiu por parte de López Orozco.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com