ACE-EU pide que a empresa redactora do Pxom realice de valde o estudo dos cursos fluviais que non fixo

O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas-Esquerda Unida celebrou unha reunión esta mañá con Xosé Manuel Rodríguez Fernández, membro do equipo técnico formado por tres asociacións ecoloxistas (Adega, AEMS- Ríos con Vida e a Asociación Galega pola Custodia do Territorio) encargado de catalogar os cursos fluviais ignorados no vixente PXOM de Lugo. Á xuntanza, á que foron invitados os voceiros de todos os grupos municipais, só acudiron os representantes de  Lugonovo e Bng

O obxecto da devandita reunión era informar a todos os grupos políticos das enormes deficiencias que existen na identificación da rede hidrográfica municipal no actual Plan Xeral, indebidamente grafada e na que só se contemplan 340 quilómetros dos 680 quilómetros de cursos fluviais reflectidos no PGOU de 1990, o que xera una situación de desprotección dos cursos fluviais ante calquera tipo de agresións ou ameazas derivadas das actuacións urbanísticas.

“O inxente e encomiable traballo de campo feito de xeito altruísta por estas tres asociacións debería telo feito a empresa redactora do PXOM. Chama moito a atención que o mesmo equipo redactor que leva décadas traballando no planeamento urbanístico de Lugo, dende mediados dos 90, nin sequera se plantexase recoller os cursos fluviais xa contemplados no anterior Plan”, salientou Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU.

“Dende logo, todo este traballo vai ter que ser recollido no vindeiro Plan Xeral para esta cidade, pois mantemos que o actual acabará sendo nulo de pleno dereito máis cedo que tarde, e a ausencia descrición e protección dos ríos é só un motivo máis para a súa anulación”. De feito, o grupo municipal ACE-EU considera que sería de xustiza que EPYPSA, a empresa redactora do PXOM, fixese de xeito gratuíto a correcta identificación e grafado dos cursos fluviais que debería ter xa realizado no seu momento, e así o Concello de Lugo podería aforrar os 52.000 euros que o goberno local anunciou que consignará para o estudo hidrolóxico-hidráulico dos cursos fluviais do termo municipal.

Por se as deficiencias da identificación gráfica da rede fluvial do municipio non fose un feito suficientemente grave, o tratamento urbanístico que recibe é contrario a normativa autonómica e estatal de augas, así como á Lei 9/2002 de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia e ás Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia. O presente PXOM clasifica como solo rústico grande parte dos terreos polos que discorren os cursos fluviais, no canto de clasificalo como solo de especial protección de augas; e moitos tramos están establecidos en tipos de solo destinados ao asentamento humano e á urbanización (solo urbano, núcleos rurais e urbanizables), sen pararse a analizar debidamente a incidencia do réxime de correntes coa fin garantir a seguridade das persoas e os bens ante o risco de inundacións.

Segundo explicou Xosé Manuel Rodríguez Fernández, membro de ADEGA, “pese a redactarse o PXOM de 2011 nun contexto legal moito máis sensible á protección de ríos que o PGOU de 1990, o novo Plan Xeral resulta moito menos protector que o seu precedente e evidencia un menosprezo absoluto da rede fluvial”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com