Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida propón a elaboración dunha ordenanza municipal para a retirada da publicidade sexista das rúas de Lugo, no marco do Pacto por unha cidade libre de violencia machista subscrito polo Concello no Foro de Igualdade celebrado esta semana. Para ACE-EU, un municipio ateigado de numerosos cartaces e vallas publicitarias que empregan a imaxe sexista da muller como reclamo dos establecementos de ocio é incompatible co obxectivo de tolerancia cero coa discriminación machista e a sensibilización na cultura da igualdade que se pretende con dito Pacto.
“A publicidade sexista de gran formato que enche os valados situados nas principais entradas da cidade, nas que se anuncian determinados clubes, non fai mas que perpetuar a imaxe da muller como obxecto de consumo” apunta Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU. “Este tipo de publicidade sexista, que tamén se coloca en portais e vehículos estacionados na rúa, e que xa é tradición que en datas sinaladas como as festas de San Froilán e Arde Lucus inunde ata o último recuncho da nosa cidade, non só fomenta a desigualdade entre mulleres e homes, ao degradar a condición de muller e atentando así contra a súa dignidade, senón que afonda na explotación sexual e sostén o negocio da prostitución e do tráfico de mulleres, un dos xeitos de violencia machista máis extremos”.
Os devanditos anuncios vulneran a Lei 7/2011 de Turismo de Galicia, que no seu artigo 37 establece que as empresas e servizos de ocio e turismo “no podrán contener como elemento de reclamo la explotación sexual de las personas o cualquier otro aspecto que afecte a su dignidad, de acuerdo con lo previsto en el Código ético mundial para el turismo, cuidando especialmente la utilización no sexista del lenguaje y/o de las imágenes en la publicidad”, así como a Lei 34/1988 Xeral de Publicidade, que indica no artigo 3 que son ilícitos os anuncios “que presenten a las mujeres de forma vejatoria o discriminatoria, bien utilizando particular y directamente su cuerpo o partes del mismo como mero objeto desvinculado del producto que se pretende promocionar, bien su imagen asociada a comportamientos estereotipados que vulneren los fundamentos de nuestro ordenamiento coadyuvando a generar la violencia a que se refiere la Ley Orgánica 1/2004, de 28 de diciembre, de Medidas de Protección Integral contra la Violencia de Género”.
Ademáis de ser cuestionable dende o punto de vista legal, esta publicidade supón un nefasto exemplo educativo para xente máis nova e mantén os estereotipos que orixinan a violencia machista, por iso ACE-EU anima ao goberno local a desenvolver o marco normativo existente a través da correspondente ordenanza municipal, iniciativa imprescindible para dar efectivo cumprimento aos Plans de Igualdade do propio Concello e á proposición contra as violencias machistas aprobada por unanimidade no pasado Pleno.
“Aos e ás lucenses non lles pode dar igual o consumo de mulleres traficadas e explotadas, que non pode ser considerado normal nin unha opción máis de ocio e diversión. A prostitución é violencia machista e non podemos tolerar a súa publicidade, e menos nunha cidade que tivo que asistir con vergoña a tramas nas que se entrelaza a corrupción coa explotación sexual, como a Operación Carioca e a Pokémon. A mensaxe que debemos dar ás novas xeracións debe ser clara: as mulleres non son obxectos que se poden alquilar ou mercar”, afirma Carlos Portomeñe.