O voceiro de ACE-EU, Carlos Portomeñe, anunciou que presentará a pleno unha proposición para que o Concello de Lugo estableza permanentemente os Orzamentos Participativos, mecanismo a través do cal a veciñanza pode propoñer e decidir de xeito asemblario e por votación directa en que se invirten unha parte significativa dos recursos anuais municipais. Alternativa Cidadá de Esquerdas-Esquerda Unida solicita que o Pleno acorde a elaboración dun Regulamento Municipal de Orzamentos Participativos, que garanta o seu desenvolvemento de xeito transversal a toda a administración local e a colaboración dos técnicos municipais, e que “clarifique a súa organización e funcionamento acorde ao interese público, sen que se sometan á arbitrariedade do goberno de turno”, explicou Portomeñe.
Na súa proposición, ACE-EU solicita que o Pleno acorde a elaboración deste Regulamento e a habilitación dunha partida orzamentaria nos Orzamentos 2018 dedicada á posta en marcha de todo o sistema dos Orzamentos Participativos e á súa difusión e divulgación. Segundo afirmou o voceiro da agrupación, este método está a ser utilizado xa en capitais de todo o Estado, como Madrid, Barcelona, Valencia, Zaragoza, A Coruña ou Compostela; pero foron pioneiros na súa implantación municipios andaluces gobernados por Izquierda Unida, como Sevilla, Puente Genil ou Cabezas de San Juan, que mesmo foi incluido pola ONU no seu Catálogo de Boas Prácticas.
“O Concello de Lugo xa contou no pasado recente cunha partida asignada a Orzamentos Participativos, pero o reducido das partidas destinadas e a ausencia de execución completa dos proxectos, ademáis do método utilizado, que non pasou dunha mera consulta superficial a certos colectivos e ‘lobbies’ da cidade, fixo que non pasaran de ser unha especie de subvencións discrecionais encubertas”, sinala Carlos Portomeñe. “Nós pedimos uns Orzamentos Participativos con carácter vinculante, cunha participación descentralizada en Asambleas de Barrio na que participen activamente os habitantes de cada zona a título particular ou colectivo, como ANPAS ou asociacións de veciños, asegurando un mínimo de sesións presenciais en toda a xeografía municipal e cun sistema rigoroso de seguemento dos proxectos e rendición de contas”.
Para ACE-EU, é “esencial” que para consolidar os Orzamentos Participativos se adquira o compromiso de aumentar paulatinamente a partida orzamentaria a debate, “pois unha partida residual desincentiva a participación e impide a realización de proxectos”, concluiu o voceiro da formación.