Ante o “cada vez máis preocupante e elevado nivel de deterioro” que están a sufrir tódolos barrios e parroquias de Lugo, dende o casco histórico ata o máis pequeno dos núcleos rurais, o grupo municipal ACE-EU proporá no vindeiro Pleno a apertura na Comisión de Desenvolvemento Sostible e Persoal un apartado de Análise Estratéxica das Políticas Urbanísticas e da Vulnerabilidade Urbana, coa función concreta de coordinación da participación propositiva por parte de tódolos grupos municipais na recuperación e dinamización integral das zonas do municipio que o precisen, así como nos proxectos urbanísticos e infraestruturas de especial relevancia para todo o municipio, contribuíndo a paliar a “carencia de visión de conxunto e de consonancia co interese xeral das intervencións urbanísticas”.
“Carece de sentido e operatividade abrir unha Mesa de Traballo para cada barrio, o mellor xeito de canalizar a participación e asegurar a coordinación e unha boa periodicidade é dotar de verdadeira utilidade ao órgano xa existente na área de goberno de urbanismo, a Comisión de Desenvolvemento Sostible que se celebra cada mes, creando un apartado permanente centrado na elaboración de diagnósticos que definan obxectivos e necesidades para cada barrio ou parroquia e na formulación tanto de propostas concretas como de directrices xerais”, explica Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU.
Este grupo considera urxente incentivar a adopción de acordos que melloren a relación entre a administración e a cidadanía no ámbito da planificación urbanística e da mobilidade, ante o que considera “unha situación de total distanciamento e case de ruptura directa do goberno co sentir popular”.
Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida ve á cidadanía alarmada polo que parece unha “improvisación continua nas políticas urbanísticas do equipo de goberno”, e critica que as decisións tomadas neste eido están a depender máis dos “criterios privados das empresas adxudicatarias” que do interese público, evidenciando na maioría dos casos o pouco que se está a ter en conta os criterios de sustentabilidade e o respecto ao patrimonio natural e histórico.
“Asistimos ao anuncio constante de campañas ou infraestruturas que acaban xerando rexeitamento por non coincidir ou mesmo ir en contra dos obxectivos que supostamente se perseguen con elas”, sinala o concelleiro. “Repasemos so algúns exemplos. Móvete por Lugo se presentou como a recollida de suxerencias e deseño colectivo dos novos itinerarios do bus urbano, cando se fiou finalmente todo a un proxecto elaborado pola empresa adxudicataria que nin sequera foi entregado en tempo e forma segundo os pregos do concurso e polo cal seguimos agardando, mentres o servizo segue perdendo usuarios polo seu deficiente funcionamento e porque non responde ás necesidades da xente. A necesaria peonalización e humanización de Quiroga Ballesteros converteuse por arte de maxia nun proxecto millonario de cuberta contra o que os propios comerciantes e habitantes da zona xa están a recoller firmas, cuxo concurso foi impugnado polo propio Colexio de Arquitectos e que segue en dúbida se cumpre a normativa de edificación e as directrices de protección patrimonial.
A lóxica petición dunha vía segura para que os siareiros do CD Lugo poidan acceder ao estadio Anxo Carro sen arriscar a súa vida respondeuse cunha pasarela de custo exorbitado cuxo trazado non é o preciso para cubrir esa carencia e que só suporá o despilfarro duns fondos europeos que deben servir para conectar a cidade coa contorna fluvial”, enumerou Portomeñe.