O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida preguntará na vindeira Comisión de Infraestruturas polo estado do proxecto para o desdobramento e alumeado da Avenida Duquesa de Lugo, e trasladará propostas para a mellora da seguridade viaria na zona. Unha delas é a posibilidade de dotar dun paso elevado sobre a Avenida Benigno Rivera no punto que se concentra o maior tránsito peonil do Polígono Industrial do Ceao, dende a beirarrúa do centro de traballo dunha empresa de telemarketing ata a beirarrúa de enfrente na que se atopan as dependencias de Leiteira.
“Esta área, que adoece dun evidente déficit de sinalización e instalacións que garantan a seguridade viaria, tense convertido nun dos puntos con maior perigo de atropelos e accidentes de tráfico. Precisamente, os propios representantes das traballadoras e traballadores da empresa de telemarketing teñen trasladado por escrito ao Concello de Lugo a súa preocupación polo risco que supón para a súa integridade física o mero feito de acceder ao seu centro de traballo, polo mal estado e a falta de visibilidade tanto da sinalización vertical como da horizonal”. Por iso, “ACE-EU quere facerse eco das súas demandas e insistir na urxencia de habilitar beirarrúas seguras e sinais tanto lumínicos como acústicos que garantan a súa visibilidade tanto para os conductores como os peóns”. “O ideal, subliñan, sería que a propia alcaldesa e o edil de Infaestruturas recibisen ao Comité de Empresa, non en van representan a preto de cincocentos traballadores cuxas peticións presentadas por escrito nin sequera foron respondidas”, suxire Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU.
“Falamos dunha zona polémica dende o punto de vista urbanístico, onde abundan as chapuzas e ilegalidades que agora teñen que sufrir toda a cidadanía de Lugo, especialmente os centos de persoas que traballan no Ceao” indicou o concelleiro. “Non se pode retrasar máis a actuación seria para garantir dunha vez por toda a seguridade viaria, empezando polos puntos máis perigosos e transitados. Queremos que o goberno local de a coñecer o seu proxecto canto antes para que os grupos políticos e tamén os colectivos afectados directamente poidan trasladar as súas propostas e demandas, para obter dunha vez por todas unha solución racional e ben planificada nunha zona na que a falta de planificación como tal é a orixe de tódolos problemas”, remarcou Portomeñe. Para ACE-EU fai falta un estudo completo no que se valoren tamén os cambios nos límites de velocidade, as demarcacións existentes ou a regulación semafórica.
Esta web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales coma reconocerte cando volves á nosa web ou axudar ó noso equipo a comprender qué seccións da web atopas máis interesantes e útiles.