ACE-EU proporá no pleno unha glorieta na Volta da Viña que permitiría o tráfico en ambas direccións na N-VI

O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida rexistrará unha proposición plenaria para que se inclúa nos Orzamentos de 2017 unha partida para situar unha glorieta ao remate da Volta da Viña na Nacional VI, que permitiría o tráfico en tódalas direccións, incluíndo a dirección cara A Coruña, evitando o rodeo que os condutores teñen que realizar na actualidade para circular nese sentido.

goberno local incluíu no “Proxecto Muramiñae, da Muralla ao Miño”, presentado hai máis dun ano para a captación de fondos europeos de Desenvolvemento Urbano, Sostible e Integrado (EDUSI); a medida de crear un acceso rodado á altura da Volta da Viña que conectase directamente coa N-VI, recentemente anunciada tamén no borrador de investimentos dos Orzamentos 2017.

“Consideramos a idea do executivo de Lara Méndez desproporcionada e irracional, tendo en conta que o problema da fluidez do tránsito na zona se pode solucionar cunha obra menor de escaso impacto visual e custe reducido, como sería a creación dunha rotonda que podería entrar en funcionamento este mesmo ano”, explica Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU.

Para ACE-EU, a modificación do trazado viario na Volta da Viña para dar saída en dirección A Coruña é unha obra excesivamente custosa e de alto impacto paixasístico, que afectaría ao Mirador que hai nesa curva e á contorna natural e patrimonial, como o ámbito de protección do balneario das termas romanas. “Optar por unha glorieta sería a decisión  sensata tanto pola sinxeleza e rapidez da súa execución, como pola súa asequibilidade económica e limitado impacto en comparación do proxecto inicial proposto polo PSOE. Esta acción sería o complemento perfecto á peonalización da Calzada da Ponte acordada no Pleno hai meses e incluida tamén na Estratexia DUSI”, asegura o concelleiro de ACE-EU. “Os centos de miles de euros que se aforrarían da idea inicial de construír o acceso viario directo dende a Volta da Viña á N-VI en sentido A Coruña permitirían investir noutras iniciativas diferentes enmarcadas no Muramiñae, axilizando a execución de tódalas liñas estratéxicas destinadas a integrar o Miño na cidade”.

A proposta da glorieta na Volta da Viña xa fóra presentada por ACE-EU no seu Plan Integral de Dinamización do Barrio da Ponte, e sería o xeito máis rápido de vertebrar a conexión rodada desta área actualmente illada do municipio, acompañándoa do necesario rediseño dos itinerarios das liñas de transporte público. Na mesma acción debería contemplarse a rehabilitación das beirarrúas e o acceso peonil ao devandito Mirador que se atopa nese punto e o acondicionamento do mesmo, para a recuperación do seu uso e disfrute público.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com