O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida vén de rexistrar unha proposición para ao vindeiro Pleno ordinario de novembro na que defenderá unha reforma da Lei Orgánica 2/2012, de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financiera, que modifique a regulación da Regra de Gasto, de modo que permita ás corporacións locais que cumpren cos criterios de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, dedicar os recursos que obteñen a mellorar a vida diaria da súa cidadanía, ampliando a prestación dos servizos públicos da súa competencia, no canto de verse obrigados a utilizar os seus ingresos extraordinarios a devolver a débeda.
Esta proposta vai en consonancia coa presentada o ano pasado para instar á derrogación da Lei 27/2013, de 27 de decembro, de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local coñecida como Lei Montoro, condición necesaria para recuperar a autonomía local e acabar coa asfixia competencial e financeira á que o Goberno do PP ten sometidos aos municipios.
Para ACE-EU, en liña coa Proposición de Lei presentada polo Grupo Parlamentario Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea no Congreso dos Deputados e da Proposición Non de Lei aprobada na Comisión de Facenda do Congreso o pasado luns 13 de novembro; debería eximirse da aplicación da regra de gasto ás entidades locais que presenten contas públicas saneadas, entendidas estas como aquelas que presenten superávit ou equilibrio orzamentario, teñan un nivel de débeda inferior ao 110% dos recursos correntes e manteñan un prazo medio de pago a provedores inferior aos 30 días.