ACE-EU reclama xustiza fiscal para a veciñanza

Alternativa Cidadá de Esquerdas- EU valora moi positivamente a iniciativa da delegada da Área de Goberno de Economía de convocar xa no primeiro mes do ano aos grupos municipais para traballar na modificación das ordenanzas fiscais para 2017.

Portomeñe declarou que “cremos que a mesa de traballo iniciada hoxe é o modelo a seguir en tódolos ámbitos de negociación entre os grupos políticos da corporación: participación directa e auténtica toma en consideración das aportacións de tódolos partidos e planificación con tempo, no canto das decisión unilaterais de última hora que ata o momento teñen caracterizado ao executivo de Lara Méndez”.

O voceiro de ACE-EU tamén quixo aproveitar a reunión convocada pola delegada de economía para esixirlle ao goberno municipal “máis respecto institucional.

As propostas que ACE-EU trasladará á mesa de traballo das ordenanzas fiscais estarán todas encamiñadas a acadar unha das prioridades do seu programa: a xustiza fiscal. Entre elas, unha iniciativa irrenunciable será “aumentar a 3.500 euros anuais a taxa que o Concello cobra actualmente á banca polos caixeiros automáticos con acceso á vía pública. Con 40 caixeiros como mínimo que existen na cidade destas características, obteríanse 140.000 euros ao ano, contía que equivalería aos ingresos obtidos pola recadación da ORA, polo que se compensarían os recursos perdidos ao establecer a gratuidade da zona azul”.

Carlos Portomeñe subliñou que “os caixeiros automáticos moven cada ano uns 110.000 millóns de euros, e segundo ADICAE, o cobro de comisións por extraccións de efectivo ascenden a 21.000 millóns de euros anuais (o 20% do total). O xusto é que os bancos paguen unha taxa máis axustada ao beneficio que obteñen cos cobros aos usuarios dos caixeiros”.

“As entidades financeiras teñen unha parte moi importante da responsabilidade da crise, e aínda que foron rescatadas cos cartos públicos seguen executando desafiuzamentos, restrinxindo o crédito, aumentando as comisións e despedindo traballadores”, salientou Portomeñe, que tamén quixo lembrar o caso concreto de ABANCA, con 16 caixeiros na vía pública lucense, que está a desmantelar a obra social das antigas caixas galegas e que “non dubidou en pechar a escola infantil do Sagrado Corazón alegando que non resultaba rentable”. Outra das modificacións que ACE-EU considera imprescindible é a elaboración dunha ordenanza específica para regular e gravar a publicidade nas instalacións deportivas municipais e a creación dunha taxa para gravar a publicidade en elementos de gran formato en mobiliario urbano, no transporte público e na publicidade móbil. “O obxectivo é aumentar os recursos do Concello para manter e recuperar servizos públicos sen penalizar ao cidadá de a pé e as rendas máis baixas”. Nese sentido, para Carlos Portomeñe “a tarefa fundamental que esta mesa de traballo debe abordar é a introdución de criterios de renda per cápita na unidade familiar en todas as ordenanzas que sexa posible, para garantir que pague máis quen máis ten”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com