O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida vén de presentar recurso contencioso-administrativo contra o acordo da Xunta de Goberno Local que outorgou licenza para a construcción dunha estación de servizo na rotonda do Polígono do Ceao entre a Avenida Benigno Rivera e Duquesa de Lugo.
A través deste recurso, a agrupación municipal, recorre tamén, de maneira indirecta o Plan Xeral de Ordenación Municipal, o PXOM, que, en palabras do voceiro da agrupación, Carlos Portomeñe, “foi feito por PP e PSOE á medida dos grandes constructores” e, segundo marca a xurisprudencia noutras provincias, ao carecer de Evaluación Ambiental Estratéxica, trátase dun PXOM ilegal que, se o recurso de ACE-Eu sae adiante, podería quedar anulado.
“PXOM do noso municipio é anulable por carecer de Avaliación Ambiental Estratéxica, e polo mesmo motivo xa foron anulados xudicialmente un centenar de plans en todo o Estado, entre eles o de Vigo en 2015 ou o de Muxía este ano”, lembrou Portomeñe. ACE-EU mantén que o PXOM de Lugo foi tramitado “de xeito irregular e neglixente”, que a súa exposición pública foi un “engano á cidadanía por non conter os cambios ordenados pola Xunta de Galicia”, que segue a ser “expansivo e agresivo” co medio rural, cunha “capacidade residencial pensada para a especulación inmobiliaria”, e que está cheo de deficiencias, “como as decenas de cauces fluviais sen grafiar ou que nin sequera contempla o trazado real do Camiño Primitivo e a protección do seu territorio histórico”.
O actual PXOM prevé a construcción de 27.253 novas vivendas, preto da metade das que xa existen agora, a pesar de que Lugo é a terceira cidade do Estado con máis vivendas baleiras e que ten múltiples urbanizacións proxectadas sen desenvolver, como as de San Fiz ou Abella. “Lugo ten un plan irracional froito das políticas do PP e do PSOE propias da burbulla inmobiliaria que nos levou á crise, lesivo co medio ambiente e co patrimonio, e ilegal. É necesario outro PXOM racional e sostible, adaptado á realidade do municipio e centrado na calidade de vida da cidadanía, e que se tramite de maneira democrática e partipativa e non como se fixo de xeito opaco e á medida dos grandes construtores”, sinala Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU.
A licenza para a gasoliñeira tamén foi eximida de avaliación ambiental e a súa tramitación, segundo a agrupación municipal, está igualmente “plagada de irregularidades”, pois se aprobou a pesar de contar con catro informes desfavorables do Xefe de Gabinete de Tráfico, facendo prevalecer o informe dunha consultora privada que contradí os criterios do funcionario municipal. ACE-EU xa advertiu en setembro de que non procedía conceder a licenza para a ubicación dunha estación de servizo na rotonda da intersección entre a Avenida Benigno Rivera e a Avenida Infanta Elena por ser ilegal tal como está proxectada e porque aumentaría a inseguridade viaria e o caos circulatorio que actualmente xa se sufre nesta glorieta.