ACE-EU responsabiliza, pola especulación, ao concello do deterioro de barrios como a Milagrosa

O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida levará á vindeira Comisión de Desenvolvemento Sostible a situación de acelerado deterioro e abandono dos inmobles do barrio da Milagrosa, que está a xerar alarma social entre a súa veciñanza polos problemas de salubridade e convivencia derivados dela, así como de seguridade, ante a posibilidade de desprendementos e incendios nos edificios e solares en estado ruinoso. A xuízo de ACE-EU, a solución para este problema non se atopará poñendo o foco nas consecuencias, como a ocupación de vivendas baleiras por persoas sen teito e familias sen recursos, senón atallando as súas causas: a planificación urbana municipal centrada na especulación inmobiliaria.

“Tralo estoupido da burbulla inmobiliaria e a quebra de moitas das grandes construtoras, gran parte das vivendas e edificios enteiros ficaron baleiros, sexa pola ausencia de compradores ou pola ola de desafiuzamentos provocados pola crise económica, e acabaron a maioría das propiedades en mans dos bancos. Son esas construtoras e entidades financeiras maioritariamente as que manteñen descoidados tanto os solares como os edificios, sen facerse cargo do seu mantemento e mesmo dos seus gastos e impostos, e non precisamente particulares pasando por dificultades económicas”, explica Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU. Por iso ACE-EU preguntará ao goberno local “se ten control e constancia de cantos inmobles das rúas da zona da Milagrosa con maior concentración de edificios en situación de abandono pertencen a entidades de crédito e se as mesmas están ao corrente do pago ao Concello do Imposto sobre Bens Inmobles e outras taxas municipais”.

Para ACE-EU, “o goberno está a ser permisivo coa falta de coidado e vixilancia dos inmobles por parte dos propietarios, limitándose a actuar de oficio só ante as situacións de suma gravidade como os esborralles. Ante esta permisividade, urxe como primeiro paso necesario que se active un censo municipal de inmobles en estado de abandono e outro de vivendas baleiras, ámbolos dous aprobados en Pleno a instancias de ACE-EU, e polos que este grupo municipal tamén inquirirá ao goberno, debido á falta de avances para poñelos en marcha”.

“Foi a ordenación urbanística a que permitiu ás grandes construtoras converter o barrio da Milagrosa nunha mole de cemento, saturada de edificios residenciais e absolutamente privada de zonas verdes ou de recreo para a súa comunidade”. A situación actual “son os danos colaterais dun urbanismo irracional e destrutivo, que só se pode reverter realmente cun novo PXOM e coa inversión ben planificada nun modelo de cidade sostible centrada nas necesidades da cidadanía e non no beneficio privado duns poucos”, apunta o concelleiro de ACE-EU.

ACE-EU quere lembrar que toda esta problemática vai aparellada ás graves lacras da exclusión social e da falta de vivenda digna para moitas familias pola continuidade dos desafiuzamentos hipotecarios e de alugueres, que son as principais motivacións das ocupacións de vivendas en inmobles pertencentes á gran banca.

Portomeñe  lembra que “aínda que a vivenda non é competencia directa municipal, pero o Concello de Lugo ten a obriga de ocuparse do 15,3% da súa poboación que se atopa en risco de pobreza e exclusión social.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com