O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida vén de declarar que xa se coñece a firmeza das dúas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia onde se ratifica a validez dos informes da Xunta de Galicia que impedían as licenzas das Torres de O Garañón por afectar gravemente á contorna de bens protexidos, que foi declarada en ambos os dous decretos do pasado 28 de marzo, ao ter transcorrido xa o prazo de trinta días hábiles sen terse presentado recurso de casación contra as mesmas.
“A excusa de que as sentenzas que anulan as licenzas non son firmes xa non vale para que o goberno siga sen actuar con respecto ao ilegalmente construído, o tempo corre en contra do Concello de Lugo e estamos xa no período de desconto”, afirmou Carlos Portomeñe.
“É un feito que en virtude das resolucións xudiciais máis cedo que tarde haberá que repoñer a legalidade ao seu estado inicial, ser responsable é prepararse debidamente para iso e non agardar por sistema a esgotar tódolos prazos xudiciais”.
O concelleiro lembrou que “a cantidade de 300.000€ que a alcaldesa anunciou que se reservarán nos Orzamentos de 2017 para a demolición de O Garañón é insuficiente, e que ademais decidiuse en base a “conversas informais cos técnicos municipais”, tal como se informou na Comisión ordinaria de Urbanismo celebrada en marzo en resposta ás preguntas rexistradas por ACE-EU. “Confirmouse que esa partida é improvisada, polo que insistimos en que se realice un estudo técnico-económico que determine o custe real de restablecer a legalidade en base ás sentenzas xudiciais xa firmes”.
Carlos Portomeñe destacou que “en 2007 só o orzamento inicial para derrubar os antigos matadoiros do complexo industrial de Abella-Frimisa fóra xa de 600.000€, o dobre do consignado agora, dez anos despois para unha demolición moito máis dificultosa e que implica a necesidade de fornecer con cantidades inxentes de terra vexetal para devolver o terreo ao seu estado anterior”.
“É unha temeridade que o goberno local teime e non dar o primeiro paso para que a solución adoptada na unidade de actuación CS-5 sexa a máis favorable ao interese xeral, e máis agora que todo o seu planeamento urbanístico foi anulado por ser contrario a dereito”.