Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida solicita un estudo e fiscalización das contas do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo como xa fixo o grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerdas, que solicitou “a fiscalización da Fundación Pazo de Feiras e Congresos de Lugo por parte do Consello de Contas, por sospeitas de xestión irregular, como xa se fixera coa Cámara de Comercio de Lugo, na que se detectaron numerosas irregularidades que foron trasladadas á fiscalía”.
ACE-EU trasladará varias preguntas á vindeira Comisión de Contas para clarificar o estado real da situación económica do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo ante a “decisión tomada polo Concello de Lugo de aumentar a súa aportación aos gastos do mesmo ao 20% e destinar equivalente porcentaxe a pagar a débeda histórica da devandita institución, acadando un total de 126.000 euros procedentes do orzamento municipal.
ACE-EU considera imprescindible que o goberno local se asegure da viabilidade económica dun organismo que amosou evidentes dificultades para sobrevivir e que chegou a estar practicamente en quebra, antes de comprometer unha considerable inversión no mesmo”.
O grupo municipal quere saber se existe algunha auditoría ou informe que avale a xestión do Pazo de Feiras e se o executivo de Lara Méndez solicitou a documentación necesaria que acredite que é viable. “Antes de decidir aportar o 20% dos gastos de mantemento e da débeda do Pazo de Feiras, o Concello debería solicitar un plan de proxectos e estudo de costes do mesmo, como fai coas propostas da oposición, para garantir que non está dedicando cartos públicos a un pozo sen fondo”, apunta Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU. Ademais, ACE-EU considera un dato elocuente o xeito de repartir os gastos entre os diferentes membros do padroado, no que Deputación e Concello asumen máis do 50% da débeda e gastos do Pazo de Feiras mentres a patronal lucense só ten que aportar un 2%. “A administración provincial e local investirán preto de 350.000 este ano no Pazo de Feiras mentres a CEL fará unha mínima aportación de 12.600 euros. Unha vez máis asistimos a que se poñan as institucións públicas descaradamente ao servizo da iniciativa privada”., concluíu Carlos Portomeñe.