O voceiro de Alternativa Cidadá de Esquerdas-Esquerda Unida, Carlos Portomeñe, está convencido de que o Plan Xeral de Lugo seguirá o mesmo camiño que o de Vigo, a anulación. “Todos saben que este plan está morto”, asegura con rotundidade. Para facer esta afirmación de tanto calado baséase en dous supostos. Por unha banda, o edil explica que “calquera recurso a unha licencia ordinaria concedida na Xunta de Goberno Local pode acabar tumbando o PXOM se se basea nos argumentos da sentenza de nulidade do Tribunal Supremo sobre o plan vigués”.
Por outra banda, segundo Portomeñe, a aprobación inicial do PXOM en 2006 fíxose sen atender as indicacións da Xunta, que eran vinculantes, de forma que se expuxo ao público “un documento fraudulento”, o cal ao seu xuízo tamén podería levar á anulación do plan.
De feito, ACE-EU fixo unha análise comparativa entre o plan enviado á Xunta en 2004 e o aprobado inicialmente en 2006, atopando que non se fixeron as modificacións requiridas, por exemplo, nos núcleos rurais. Así, a Xunta esixía que se identificasen as vivendas tradicionais e os núcleos rurais, para que deixasen de crecer en solo urbanizable e o fixesen a través de áreas de expansión. Sen embargo, tanto no documento de 2004 como no de 2006 non se delimitan estas vivendas.
En canto ao proceso para elaborar o novo PXOM, Portomeñe asegura que debe ser “realmente participativo e democrático, que se centre nas necesidades reais dos cidadáns, e non en megaproxectos virtuais como os que marcaron a era Orozco, pensados para enriquecer aos grandes construtores e especuladores e que acabaron en pontes sen tránsito e urbanizacións pantasma”.