ACE-EU urxe a rematar a ordenanza municipal de igualdade de xénero

Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida constatou no informe da Comisión para o Seguemento e Cumprimento dos Acordos Plenarios que se celebrará este venres que “o goberno local non fixo ningún avance nos últimos dez meses na posta en marcha da Ordenanza Municipal de Igualdade de Xénero, aprobada polo Pleno o pasado outubro a iniciativa de ACE-EU”. Este grupo municipal considera unha prioridade a redacción desta Ordenanza antes de que remate o mandato. O obxectivo da regulación proposta “é dar rango normativo ás políticas municipais de promoción da igualdade real entre homes e mulleres e á erradicación da discriminación da muller, e que garanta a intervención coordinada e transversal en tódolos ámbitos externos e internos da administración municipal, asegurando que a perspectiva de xénero non estea a expensas da arbitrariedade de cada equipo de goberno”. Lugo sería a segunda cidade galega en aprobar este tipo de normativa, despois de que a aprobase o Concello de Ourense en 2011.

Tal como informa a Casa da Muller, do último Plan de Igualdade desenvolvido polo Concello de Lugo, só se executou o 56% das accións previstas. “A igualdade de xénero non pode depender da boa vontade do executivo de turno, debe ser a norma e estar dotada de verdadeiros recursos económicos, por iso entre as nosas peticións está que se estableza un mínimo obrigatorio nos orzamentos adicado anualmente a corrixir a discriminación contra as mulleres en tódolos ámbitos. Isto é algo que debería ser innegociable e independente do criterio político, pois é unha cuestión de dereitos humanos”, sinala Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com