ACE garantirá os servizos básicos para familias sen recursos

O candidato de ACE á alcaldía de Lugo, Carlos Portomeñe, celebrou esta tarde un encontro co deputado de AGE no Parlamento de Galicia, Xabier Ron, para presentar as políticas inclusivas do programa de ACE.

Carlos Portomeñe declarou “Alternativa Cidadá de Esquerdas afástase do modelo asistencialista e caritativo vixente de atención aos máis desfavorecidos, non queremos bancos de tapóns, bancos de libros, bancos de alimentos, bancos de roupa nin bancos que expropian os dereitos da xente. Queremos establecer un modelo de inclusión social no que todo e toda lucense, sen importar o seu nivel de renda, sexa tratado como un cidadán de pleno dereito”.

Entre as principais medidas inclusivas de Alternativa Cidadá de Esquerdas atópase o garante dos servizos básicos como a auga e a luz ás familias sen recursos para pagalos, a soberanía alimentaria a través de Mercados Sociais xestionados como cooperativas, a mellora dos servizos e condicións do Fogar do Transeúnte, a creación dun Economato Municipal que sustitúa a función dos Bancos de Alimentos, a creación dunha axuda complementaria para os preceptores do RISGA (pois con 460€ é imposible que unha familia poida vivir dignamente todo o mes) e a remuneración e visibilización do traballo de coidados de persoas dependentes

A número 4 da lista de ACE, Vanessa Somoza, membro fundadora no movemento de 15-M en Lugo e activista social, foi a encargada de presentar o que ela deu en chamar “os datos da vergoña de Lugo, que expresan en números, se iso é posible, o sufrimento actual dos e das lucenses con menos recursos”: unha taxa de paro do 19% e 8.641 parados e paradas no pasado mes de abril, 47% de fogares con dificultades para chegar a final de mes segundo o IGE, unha perda de 274 empresas nos últimos 5 anos, 2.300 persoas que marchan para buscar traballo fóra cada ano, e 12.370 vivendas baleiras a pesares de que miles de lucenses non teñen vivenda. Segundo Somoza, esta cifras evidencian o desastre da política social do goberno de Orozco e a situación de abandono que está vivindo a cidadanía por parte dos poderes públicos, e quixo facer fincapé no “contradictorio que resulta que o actual goberno de Lugo reserve o 21,4% para servizos sociais se a partida para ditos servizos fica con superávit e segue habendo 17.000 lucenses en risco de exclusión social”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com