ACE inclúe no seu programa electoral propostas dirixidas á comunidade migrante lucense

Parte da candidatura de Alternativa Cidadá de Esquerdas, encabezada por Carlos Portomeñe, presentou ante representantes do Foro Galego de Inimigración as propostas do seu programa dirixidas á comunidade migrante lucense.

“ACE ten constatado que nos servizos sociais do Concello de Lugo non hai artellada unha estrutura real de atención ás necesidades concretas de inmigrantes e emigrantes retornados, e gran parte deles non sabe onde pode acudir na procura de asesoramento. Polo tanto, unha das medidas urxentes de goberno a tomar por ACE será a activación e publicitación da Oficina de Atención ás Persoas Migrantes, para facilitarlles o apoio necesario na súa integración e os trámites administrativos habituais: residencia, renovacións, reagrupación familiar, inscrición no censo electoral, tarxeta sanitaria e todo tipo de homologación documental”. ACE creará un Consello Municipal de Persoas Migrantes, para que aporten as solucións que consideren necesarias a calquera posible problema de convivencia que poida xurdir.

No respecto a inclusión social de todos os habitantes da cidade, ACE elaborará un Plan de Convivencia Intercultural a implementar en 5 anos, tendo en conta tódalas áreas que afecten á mesma: emprego, sanidade, educación, vivenda, etc.

A traveso deste Plan “garantiremos o acceso real de toda persoa mi- grante aos servizos públicos municipais, con independencia da súa condición administrativa”, afirmou Portomeñe, e engadiu, “nun Lugo verdadeiramente democrático non pode haber cidadáns de primeira e de segunda, polo que traballaremos arreo para asegurar o dereito ao voto de todas as persoas residentes estranxeiras e a súa participación social e política”.

Nese senso, ACE tamén porá en marcha campañas de acción positiva para o empadroamento, “simplificando os trámites e desvencellando o mesmo da situación administrativa”.

Asemade, Alternativa Cidadá de Esquerdas deseñará un Programa específico de Acción Local contra a Trata de Persoas, “procurando a reparación, a defensa e a incorporación da persoa vítima de trata no desenvolvemento normalizado da vida cotiá, sen limitar a defensa dos seus dereitos á colaboración coas autoridades”. Será clave a formación específica para a Policía Local e o personal funcionario en materia de atención ás persoas migrantes.

Nesta dirección de garante absoluto dos dereitos humanos, tamén se confeccionarán protocolos de prevención e persecución de todo acto racista e xenófobo e procuraráse a adhesión de Lugo á Rede de Municipios Sen Fronteiras.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com