ACE manifesta o seu apoio a Grecia ante o ultimátum da UE

Alternativa Cidadá de Esquerdas pon de manifesto o seu apoio ao pobo grego ante o que valora como unha proposta inxusta e inalcanzable de acordo económico da Troika a Grecia, así como á convocatoria de referéndum vinculante feita polo goberno grego o pasado venres, e que considera tanto lexítima como necesaria.

Por iso, mañá martes ACE participará na concentración que se celebrará ás 19:30h ante a Subdelegación do Goberno en Lugo, baixo o lema “Pola dignidade do pobo grego”, convocada por distintas organización sociais, sindicais e políticas, entre as que se atopa a propia ACE.

Para ACE, o tratamento recibido polo goberno grego por parte da Troika dende que gañou as eleccións está sendo raiano na persecución, ao tentar impoñer unhas condicións económicas imposibles de asumir e incompatibles cos dereitos humanos da cidadanía grega. De feito, a proposta do Eurogrupo inclúe aspectos diametralmente opostos ao programa de recuperación económica de Syriza refrendado polos gregos e gregas cos seus votos nas últimas eleccións,como o recorte das pensións ou o aumento do IVA de produtos básicos.

“Ditas medidas austericidas son tan contrarias á vontade política do goberno elixido democráticamente polo pobo grego que resultan un ataque directo á soberanía de Grecia como país. Sen o máximo respeto á vontade popular e aos dereitos fundamentais de cada pobo que a integra, a democracia dentro da UE é imposible”, salientou Carlos Portomeñe, concelleiro de ACE.

Por esta razón, ACE entende que o goberno grego optou pola opción máis democrática e exemplar posible, a consulta cidadá directa para decidir se acepta ou non o ultimátum do Eurogrupo, asumindo o que dispoña a maioría social, que sería a fin e o cabo a principal afectada polas medidas propostas pola Troika.

Segundo Portomeñe, “estamos nun momento clave non só para o futuro dos gregos, senón para os pobos de todo o Sur do Europa, e ante a tesitura de ter que tomar unha decisión de tamaña importancia para a supervivencia económica da xente de a pé, a nós tamén nos gustaría que os nosos gobernantes nos consultasen de xeito vinculante se estivésemos agora mesmo no lugar dos gregos”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com