Alternativa Cidadá de Esquerdas cre imprescindible abrir unha comisión municipal que investigue o Plan Xeral de Ordenación Urbanística no seu conxunto, para poder abordar tódolos casos urbanísticos conflitivos, como por exemplo os urbanizables de Fixós, Bocamaos e Bosende ou as urbanizacións de San Fiz e Abella, aínda que poñendo especial atención nas Torres do Garañón.
ACE contempla introducir unha enmenda de sustitución da moción de apertura dunha comisión non permanente sobre o Garañón que Jaime Castiñeira anunciou que presentará o PP no próximo pleno, co obxectivo de facer dita comisión extensible a todo o PXOM e aberta a expertos en urbanismo e colectivos sociais afectados, como a Asociación en Defensa do Parque Rosalía, en lugar de limitala só aos grupos municipais.
ACE considera “moi chamativo o feito de que o PP non pedise unha comisión deste tipo antes da aprobación do PXOM que regularizou a situación do Garañón, que contou cos votos favorables dos populares, a pesar de que o propio Jaime Castiñeira estaba ao tanto das súas irregularidades, tanto pola información do pleno como pola documentación que lle fixo chegar a Asociación en Defensa do Parque Rosalía”.
Ademais, tamén as autoridades autonómicas pertencentes ao Partido Popular, como a Secretaria Xeral da Consellería de Cultura e a Subdirectora Xeral de Ordenación do Territorio coñecían tamén as irregularidades de O Garañón antes de que este se incorporase ao plantexamento urbanístico de Lugo.
Con respecto á postura do equipo de goberno actual, “que só propón máis parálise ao dicir que non se pode facer nada ata que se pronuncie o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza”, Alternativa Cidadá de Esquerdas cre que “é o momento, agora que Orozco e Besteiro teñen que rendir contas ante a xustiza, para que o novo goberno do PSOE se desmarque da xestión baixo sospeita xudicial dos anteriores mandatos, comezando por retirar xa os recursos presentados sobre o contencioso administrativo de O Garañón e o informe de patrimonio, sen necesidade de agardar á sentencia do TSXG”.
“Sería moi negativo repetir a situación que tivo lugar cando a Xunta de Galicia gobernada polo bipartito emitiu a orde de paralización das obras, que foi ignorada por Concello e promotor sen sequera dignarse a recurrila, e que tampouco recibiu resposta algunha da Xunta ante dita desobediencia. Non podemos permitir que se perpetúe o abandoo de funcións por parte da Administración tanto local como autonómica”, explica Carlos Portomeñe, voceiro de ACE.
Alternativa Cidadá de Esquerdas considera que “PSOE e PP están a centrar de forma interesada o debate sobre o Garañón na posibilidade dunha indemnización millonaria, para eludir a responsabilidade directa do bipartidismo na cuestionable ordeación urbanística de Lugo”.
Segundo Portomeñe, “a indemnización é un mito, pois se se atopan responsabilidades civís subsidiarias por un delito, o que pague será o que delinque, e non o Concello. Se de verdade quere, Lara Méndez ten a oportunidade de converterse na alcaldesa que derrube as Torres do Garañón, o maior monumento á corrupción urbanística lucense, e para eso contaría coa nosa colaboración”, concluíu Portomeñe.