ACE pide a comparecencia do Concelleiro de Deportes polas presuntas irregularidades nas contas do CD Lugo

Alternativa Cidadá de Esquerdas vén de solicitar a comparecencia no pleno do vindeiro xoves do Tenente de Alcalde Delegado da Área de Goberno de Medio Rural, Infraestruturas e Deportes, José Manuel Díaz Grandío, para dar conta das súas funcións desempeñadas como conselleiro do C.D. Lugo, ante a alarma social creada polas novas informacións acerca das irregularidades nas contas da Sociedade Anónima Deportiva, en cuio balance económico presentado ante a Liga de Fútbol Profesional se indicaba que o clube tiña a día 30 de xuño de 2013 unha débeda de 1.600.000 euros que nunca foi recoñecida públicamente.

“O convenio do Concello de Lugo co clube é do 28 de maio de 2013, un mes antes da data do balance no que se recolle a débeda, e unha semana antes, o sábado 22 de xuño de 2013, ten lugar a asemblea constituínte da S.A.D. coa presenza de máis de 330 accionistas e na que se aproba a entrada dos tres representantes da Deputación de Lugo e dos dous do Concello no Consello de Administración”, explica o voceiro do grupo municipal ACE.

“O que queremos de Díaz Grandío é que responda ante toda a corporación municipal se como concelleiro que xa era do C.D. Lugo, era coñecedor da contabilidade presentada polo Lugo ante a LFP na que aparece documentada a débeda existente, así como a razón pola que non se cumpriu a devolución antes do 31 de decembro de 2013 dos 600.000 € prestados polas arcas municipais para a conversión en S.A.D., tal como se acordara no convenio asinado entre o Concello e o clube de fútbol”.

“Estamos ante uns feitos de suma gravidade. Os 600.000 euros aportados polo Concello ao C.D. Lugo é unha cantidade que triplica as partidas orzamentarias destinadas a urxencias sociais. Tendo en conta que en Lugo seguen a existir 17.000 persoas en risco de exclusión, o mínimo que podemos pedir é explicacións de como se gastaron eses cartos ante as sospeitas de que puidesen ser utilizados en tapar un furado contable agachado á cidadanía, e que se dirima a responsabilidade dos representantes institucionais no Consello de Administración” apuntou Portomeñe, voceiro de ACE.

“Nun momento en que a Lei actual impide ao Concello a contratación con empresas que teñen débedas, e que mesmo unha das casetas de polbo do San Froilán quedou baleira por este motivo, o feito de que se investisen cartos públicos nunha entidade cunha enorme cifra de débeda oculta faise máis sangrante. Os lucenses merecen explicacións, especialmente os socios do C.D. Lugo”.

ACE xa rexistrara a semana pasada unha batería de preguntas para ser respondidas por escrito por Díaz Grandío, ás que debe responder nun prazo de quince días prorrogable ate vinte días máis se así o solicitase o destinatario, segundo o Regulamento Orgánico Municipal.

Por esta razón, ante a urxencia dun asunto que non pode demorarse máis dun mes en ser respondido, “e á luz dos novos datos publicados na prensa”, Alternativa Cidadá de Esquerdas optou pola solicitude de comparecencia plenaria. Entre as anteriores preguntas rexistradas, están se os representantes do Concello percibiron algunha retribución, directa ou indirecta pola súa labor de conselleiros do C.D. Lugo; se asistían regularmente ás xuntanzas do Consello de Administración e se estudiaban as ordes do día e as actas das mesmas; así como se tiñan constancia de presuntos pagos para a devolución de créditos, de contratos blindados a membros do equipo técnico ou da facturación de sociedades pertencentes a directivos e técnicos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com