O voceiro de Alternativa Cidadá de Esquerdas, Carlos Portomeñe, pide a dimisión do concelleiro de Educación Manuel Núñez por entender que “mentiu” no pasado pleno en relación coa coa xestión dos comedores escolares de titularidade municipal.
ACE-Esquerda Unida denunciou hai dúas semanas que o concello estaba prestando dito servizo sen contar con contrato en vigor, sen aterse a convenio e sen contar cunha ordenanza fiscal.
Segundo Carlos Portomeñe, Manuel Núñez defendeu no pleno que o concello non prestaba dito servizo de comedores, algo que para o voceiro de ACE é unha “mentira facilmente demostrable” e que merece a petición de dimisión.
Portomeñe anunciou ademais que solicitarán unha xuntanza coa delegada territorial de Educación para trasladarlle a situación do servizo de comedores e tamén con varias Anpas de colexios onde o concello proporciona dito servizo.
Mentres, o concelleiro de Educación, Manuel Núñez, respostaba a dita petición de dimisión. Núñez acusaba a Portomeñe de realizar “fogos de artificio” e pedíalle “que se aclare” xa que é incompatible pedir que deixe de ser concelleiro con solicitar a súa comparecencia no pleno.