O Grupo municipal de ACE-EU solicita ao Goberno local que estableza “prazos concretos” de retirada das instalacións de ornato e de celebración de espectáculos pertencentes á festividades coma a do Arde Lucus e de limpeza do espazo público ocupado.
“Non pode ser que unha semana despois dunha festa popular haxa importantes áreas públicas da cidade que sigan ocupadas indefinidamente por elementos do Arde Lucus, como a Praza Maior ou a explanada do Pavillón Municipal de Deportes, que segue cuberta de area e incluso excrementos de cabalo que ninguén limpou trala celebración do circo romano”, apunta Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU.
Segundo a formación, as entidades organizadoras de cada evento ou actividade “deben ser as responsables de liberar o dominio público ocupado e deixalo nas condicións óptimas para o uso público normal en canto as festas rematan, e da reposición de bens danados de habelos”.
Con todo, dende ACE sinalan que “o Concello de Lugo ten a obriga de garantir que isto se cumpra”, motivo polo que ven necesario elaborar unha normativa específica “que permita unha regulación de claro cumprimento por tódalas entidades, asociacións e empresas participantes nas festividades, como mínimo con prazos máximos de recollida e sancións de non axustarse aos mesmos”.