Alternativa Cidadá de Esquerdas anunciou esta mañá en rolda de prensa, na que compareceron o deputado de AGE, Ramón Vázquez Díaz, e o voceiro de ACE-EU, Carlos Portomeñe, que presentará unha moción para que o Concello demande explicacións ao goberno da Xunta de Galicia sobre o tipo de probas realizadas no aeródromo de Rozas, “ante a evidencia do emprego do espazo aéreo do Concello de Lugo para o voo de drones militares, ao estar incluído o noso término municipal no listado de servidumes aeronáuticas de dito aeródromo”.
Na súa moción, ACE-EU pide ao goberno local que demande do executivo nacional e autonómico a inmediata paralización das probas con drones militares pola súa afectación ó Concello de Lugo, e que solicite á Deputación Provincial de Lugo a retirada da sinatura do convenio de utilización do aeródromo de Rozas “por incumprimento dos fins establecidos para o emprego das instalacións, que lembremos que se asinou sendo Lara Méndez vicepresidenta da institución”, explicou o concelleiro Portomeñe.
Nese senso, o voceiro de ACE-EU afirmou que a Xunta “mentiu dúas veces á cidadanía. Unha, ao negar o Presidente Feijóo calquera vencello coa industria militar co aeródromo de Rozas cando anunciou no propio parlamento un investimento de 10 millóns para adaptar as instalacións e convertelas nunha base para drones de carácter civil, ao que se engaden os 45 millóns de euros anunciados con posterioridade adicados á captación de socios comerciais que participen no desenvolvemento de programas con avións non tripulados”.
“A outra mentira, -apunta- foi a de dicir que este investimento crearía emprego na comarca, cando tanto o Ministerio de Defensa como as empresas participantes nos voos experimentais con drones desprazan o seu propio persoal técnico e auxiliar ata Rozas, polo que non é posible crear novos postos de traballo na zona. De feito, nas recentes probas realizadas co dron militar israelí, o exército desprazou 40 efectivos responsables da realización das mesmas”.
Pola súa parte, o parlamentario Ramón Vázquez afirmou que “o feito de que o espazo aéreo do Concello de Lugo sexa sobrevoado por drones militares como o que se está a probar en Rozas agora mesmo, o Searcher MKII, un modelo de fabricación israelí empregado contra a poboación palestina na franxa de Gaza ou polo propio Exército Español no conflito bélico de Afganistán, compromete a seguridade dos lucenses e dos habitantes doutros concellos limítrofes, pois as bases de avións militares non tripulados son instalacións dun grande valor tecnolóxico, militar e estratéxico, o que as converte en destacados obxectivos militares e terroristas”.
O deputado de Alternativa Galega de Esquerda, remarcou que “o establecemento dunha base para a experimentación e desenvolvemento de drones no aeródromo de Rozas, debe ser motivo de profunda preocupación para a poboación de toda a Provincia de Lugo, e máis tendo en conta cada un dos acontecementos que se van coñecendo, que confirman os usos militares do mesmo, a contagotas e con grande escurantismo por parte das institucións implicadas”.
O drone Searcher MKII forma parte das catro unidades mercadas polo Exército Español a Israel, un dos principias países exportadores de drons do planeta, que acapara o 60% das vendas.“Mesmo trascendeu aos medios que foron utilizados drones israelíes na guerra en Siria, esa mesma que agora provocou a enorme crise humanitaria en Europa pola fuxida masiva da poboación. Os drones militares que permitimos que se proben aquí son os que provocan alí o sufrimento dos refuxiados que queremos acoller. É dun cinismo absoluto mostrar solidariedade cos refuxiados e a un tempo ser cómplice directo da traxedia que están a vivir”, quixo destacar Portomeñe.
ACE-EU tamén propón na súa moción que o goberno local esixa explicacións e clarificacións ao Goberno de Galicia sobre o tipo de probas realizadas no aeródromo de Rozas e dentro das servidumes aeronáuticas do Concello de Lugo, e que solicite directamente ao Instituto Nacional de Tecnoloxía Aeronáutica (INTA) copia de todas as certificacións necesarias en materia de seguridade para o emprego de drones no espazo aéreo de Lugo, incluíndo as correspondentes da Axencia Estatal de Seguridade Aérea e da Axencia Europea de Seguridade Aérea, como a solicitude de cambio de usos do aeródromo, o rexistro de xestión de riscos para as probas realizadas ata o momento con este tipo de aparellos.