O grupo municipal de ACE-Esquerda Unida votará en contra dos orzamentos do concello para este ano no pleno extraordinario deste mércores se o Goberno local non regulariza a situación na que se atopa o servizo de comedores de titularidade municipal.
Nun comunicado, ACE esíxelle ao Executivo de Lara Méndez que cumpra o acordo plenario que insta á Xunta de Goberno Local a sacar a concurso público a xestión dos comedores, “para que o servizo conte co debido contrato”, así como a elaborar unha ordenanza fiscal “que garanta a progresividade nos prezos dos menús e un regulamento municipal que harmonice o funcionamento entre tódolos centros escolares”.
O voceiro da formación, Carlos Portomeñe, sinala que “se a alcaldesa non quere que nos opoñamos á aprobación definitiva dos orzamentos, debe mostrar vontade de regularizar unha situación que ela mesma admitiu publicamente que é irregular e, sobre todo, de garantir o servizo de comedor en tódolos centros públicos o curso que vén e mellorar as súas condicións”.
Para ACE-EU é condición sine qua non, ademais do compromiso do Goberno local de regularizar a situaciónos comedores escolares municipais, que se convoque a reunión interadministrativa solicitada pola oposición antes do remate do presente curso escolar e que o Concelleiro de Educación, Manuel Núñez, compareza en Pleno este mesmo mes de maio para dar as explicacións oportunas sobre o tema.