A noticia deu a volta a España: Un lucense tuneou un patinete, acoplándolle o motor dunha desbrozadora, convertíndoo nun vehículo que non sei se lle pode chamar automóbil.
Se esto ocorrira froito dun experimento dunha grande compañía de automóbiles, ou procederá dos Estados Unidos, saudaríamos alborozados esta innovación que non sería máis nin menos que o comezo dunha nova era do transporte humano polas cidades. Pero a nova procede de Lugo, do poboado do Carqueixo onde un dos seus habitantes, Adolfo Montoya Jiménez, de 36 anos, tivo a idea de coller un patinete dos que teñen o mesmo dereito ca os peatóns para andar polas aceras, facelo progresar, acoplándolle entre outras novidades un manillar e un sillín de bicicleta, o depósito de combustible dunha minimoto, e o acelerador e o motor dunha desbrozadora de 33 c.c., e resultou un singular producto que o seu creador chama “Frankenstein”, co que se desplazaba polos arredores do seu poboado ata que chamou a atención dunha patrulla da Garda Civil de Tráfico.
O que deberá ter feito antes de circular co seu invento era paténtalo e non abrir a posibilidade a que milleiros de inventores perfeccionen o artiluxio que pode ter un futuro brillante.
O papel dos inventores, no decurso da historia, sempre foi complicado, non sendo poucos os que deixaron a vida no intento. Neste caso, o inventor só pode ser multado por circular por unha vía pública sen legalizar o vehículo, nin matricúlalo, nin pasar a Itv… ainda que pode caer no terreo da indefinición, da alegalidade, e que non se atope norma axeitada para sancionar tan orixinal infracción, se e que resulta tal para a lexislación vixente.
O que parece un infractor, puidera ser un innovador, un emprendedor que merece un estudo da viabilidade do vehículo, a axuda económica para a súa producción, e a acollida da súa industria nun niño de empresas ou no polígono tecnolóxico de Rozas.
Porque o patinete con motor pode parecer un desatino, pero só se diferencia do desatino dos coches sen carnet –que se consideran motos- en que lle falta unha carrocería protectora, e en que non ten detrás unha gran industria que o arroupe, para poder entrar con firmeza no complicado mundo da circulación vial.