Aclaración do goberno Municipal de Lugo ao acceso especial ao Centro Histórico

O goberno municipal de Lugo sae ao paso da controversia que se creou co problema do acceso ao casco histórico e envía o seguinte comunicado.

O Concello de Lugo quere aclarar que:

En ningún caso o persoal do 010, servizo encargado de canalizar as solicitudes de acceso especial ao Centro Histórico por Bispo Odoario e rúa do Teatro, lle trasladou a ningún/ha transportista que teña que descargar os pellets ou o combustible “a cubos”.

Desde que transcendeu o Decreto que regula o acceso ao Centro Histórico dende esas portas da Muralla, o Concello sempre indicou que a limitación de acceso para vehículos de máis de 3.500 kg se constrinxía unicamente a esas dúas portas: Bispo Odoario e rúa do Teatro, para o resto de portas pódese seguir accedendo como xa se viña realizando. A Ordenanza que está en vigor xa delimitaba a MMA en Centro Histórico en 5.500 kg e iso non variou de xeito que, os vehículos que excedían esa tonelaxe xa debían solicitar o permiso para acceder.

Os horarios de carga e descarga NON variaron en absoluto.

E especialmente, se foi indicando aos colectivos afectados por estas medidas que as “autorizacións especiais” por Bispo Odoario e rúa do Teatro serán concedidas, SEMPRE que baixo criterios técnicos, sexa posible pero que, en todo caso, deben iniciar a súa tramitación poñéndose en contacto co 010 para facer a solicitude.

O Concello entende que os cambios poidan xerar confusión ao inicio da súa implantación, máis o único obxectivo que se persegue, de maneira permanente, coas medidas que se implantan, é permitir e facilitar a conciliación de todas as necesidades de todos os colectivos que conviven no Centro Histórico, pero é preciso que eses usos sexan tamén compatibles coa necesidade de avanzar na execución das obras. Cómpre ser coherentes e se ao que se urxe é a que as intervencións rematen canto antes, resulta imperativo facilitar, coas restricións imprescindibles, que se poidan facer os traballos en condicións de seguridade para todos e todas, tamén no que ten que ver coa conservación das actuacións xa executadas. O Goberno municipal lamenta as molestias que as obras ocasionan a todas as persoas usuarias do recinto amurallado: centros educativos e sanitarios, comercio, hostalaría, residentes e viandantes en xeral, máis incide en que todas as medidas que se adoptan son para tratar de que as empresas adxudicatarias poidan acelerar o ritmo dos traballos ao tempo que considera que as devanditas medidas, aínda que a dificulten, non impiden a subministración aos establecementos do Centro Histórico.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com