Acordo unánime na Deputación para que seis concellos conten con polígonos industriais

O Grupo Provincial do PP acadou un acordo co goberno provincial, polo que, a través das súas propostas en SUPLUSA, seis concellos da provincia poidan crear canda seu polígono industrial. Trátase dos Concellos de Riotorto, Pantón, Baralla, Carballedo, As Nogais e Cospeito.

A voceira do Grupo Popular Provincial, Elena Candia, subliñou na súa comparecencia ante os medios, na que estivo acompañada polos alcaldes dos citados Concellos, que son seis municipios da provincia nos que non existen polígonos empresariais, o que os dota de novas e maiores posibilidades económicas de cara ao futuro, ao asentamento de poboación e á creación de emprego. “Considerámolo un primeiro paso para seguir dotando de músculo ao tecido empresarial e industrial da provincia, un camiño que seguiremos percorrendo noutras localidades”, explicou.

A voceira dos populares agradeceu, como grupo maioritario da Deputación, o apoio dos demais grupos á proposta que onte levou o PP á reunión de SUPLUSA e que foi aprobada por unanimidade. “Os grupos están recoñecendo que a proposta está ben feita, que é necesario crear solo industrial nestes Concellos e por iso foi posible esta unanimidade”, engadiu.

Os populares aproveitaron a comparecencia de hoxe para lamentar que durante  os mandatos do bipartito a “Deputación apenas creara solo industrial, unha tendencia que quixemos reverter”.

Elena Candia expuxo que o Grupo Popular traballará para reactivar o solo impulsado pola Deputación de Lugo e que se aproveite a mellora na economía que empeza a percibirse. Tamén advertiu “que este grupo, en colaboración cos alcaldes, estará vixiante para que este acordo unánime que onte alcanzamos se cumpra”, concluíu.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com