Activa a tramitación dos expedientes aos seis oficiais da Policía Local que proferiron insultos contra a alcaldesa

O Concello de Lugo activou a apertura dos expedientes disciplinarios aos seis oficiais que asistiron á reunión mantida onte coa Alcaldesa, Lara Méndez, e o director xeral de Recursos Humanos, para presentar a proposta de redistribución dos efectivos do corpo. Considérase que as súas actitudes poden encaixar baixo as faltas que a Lei de Coordinación de Policías Locais de Galicia (Lei 4/2007, de 20 abril, e DOG 3 de maio de 2007) tipifica como “moi graves” ou “graves”.

Segundo a mesma Lei de Coordinación de Policías Locais, artigo 83, as sancións que se poden impoñer pola comisión de faltas moi graves son a separación do servizo ou a suspensión de funcións desde tres meses e un día ata un máximo de 6 anos, e por faltas graves, a suspensión de funcións desde cinco días a tres meses.

Na proposta da apertura de expediente nárrase como aconteceu a reunión. “Despois dos saúdos, a Alcaldesa de Lugo comezou a facer unha presentación do obxecto da reunión sendo aos poucos minutos interrompida de forma reiterada por un oficial. No momento no que a Alcaldesa lle reprendeu a falta de respecto ao impedirlle falar, o oficial, levantándose do asento, dirixiuse á Alcaldesa alzando o ton de voz e acusándoa de só convocar ao persoal para mentirlle, enganalo, dicíndolle que el non aceptaba ningunha proposta que non fora asinada polo Xefe de Policía Local, e que a proposta que se ía presentar non o estaba. A Alcaldesa, nese momento, cominou ao oficial a deixar que a reunión continuara ou que marchara. O oficial seguiu falando en voz alta collendo deseguido a súa chaqueta e dirixíndose á porta. No mesmo momento, outro oficial dixo en voz alta: “Se el marcha, eu tamén”, levantándose da mesa, ao tempo que o facían os outros catro oficiais presentes. Quedándose retrasado un dos oficiais, o director xeral dirixiuse a el para dicirlle que aquelas actitudes non se podían consentir, que eran unha falta de respecto e mesmo insubordinación á máxima representante do Concello”.

Asemade, os servizos xurídicos do Concello estudan incorporar ao expediente disciplinario que se tramita aos oficiais da Policía Local as declaracións, os insultos e as descualificacións, en moitos casos machistas, proferidos por membros do sindicato CSIF contra a Alcaldesa, Lara Méndez, na rolda de prensa ofrecida esta mañá, xa que nela participaron dous dos oficiais que estaban na reunión de onte na que a rexedora e o director xeral de Recursos Humanos intentaron explicarlles a proposta de redistribución das quendas dos axentes. Foi precisamente pola actitude mantida nesa reunión pola que o Concello activou a apertura dos expedientes disciplinarios.

Por outra banda, tal e como xa avanzou onte, a Alcaldesa asinou esta mañá o decreto de reorganización temporal e de mínimos dos efectivos da Policía Local para optimizar o seu funcionamento e que preste un mellor servizo á cidadanía, ante a merma de efectivos de axentes que se produciu a raíz do decreto regulador de xubilación anticipada, ao que se acolleron a día de hoxe 26 funcionarios policiais, e á espera de que se cubran as 45 prazas previstas nas catro ofertas de emprego público que sacou adiante o Goberno no que vai de mandato.

Expedientes por non acudir como reforzos

Noutro senso, o Concello de Lugo tramita a apertura de expediente disciplinario a tres policías locais por non
presentarse ao seu posto de traballo como reforzos dos seus compañeiros da quenda normal de traballo, a pesar de ter recibido a notificación pertinente. Os reforzos foron decretados en atención das circunstancias especiais que concorrían en cada un dos casos, sempre relacionadas coa celebración na cidade de eventos que obrigaban a iso ao ser claramente insuficientes os efectivos cos que contan as quendas de traballo ordinarias.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com