As dotacións culturais da Xunta de Galicia en Lugo celebran o Día do Libro cunha programación de actividades online abertas a toda a cidadanía co obxectivo de fomentar a lectura entre a sociedade e seguir dando ao libro todo o protagonismo que merece, especialmente neste contexto de confinamento. As iniciativas postas en marcha pola Consellería de Cultura e Turismo abranguen desde concursos a través das redes sociais ata roteiros dixitais e publicación de novos catálogos que permiten divulgar o noso patrimonio cultural.
‘Balcóns de lectura’
Unha das dotacións que participa na celebración desta efeméride é a Biblioteca Pública de Lugo que está a desenvolver o programa Balcóns de lectura. Trátase dun roteiro dixital por librerías, escritores e mediadores culturais que desde os seus balcóns deixan as súas suxestións lectoras e os seus textos. Estas son recollidas e publicadas nas súas redes sociais.
Patrimonio bibliográfico
A iniciativa da biblioteca pública súmase a posta en marcha polos museos que, con motivo desta data, van facer visible o seu patrimonio bibliográfico. No caso do Museo do Castro de Viladonga presentarán a través das redes sociais os seus fondos bibliográficos co obxectivo de dar visibilidade da súa importancia para a documentación e a investigación, xa que as bibliotecas dos museos ocupan ás veces un lugar menos protagonista na súa actividade diaria.
‘Brookcrossing’ virtual
Cómpre destacar que as actividades postas en marcha polo Museo do Castro de Viladonga hai que engadir a actividade da Consellería de Cultura e Turismo na que todos os anos toman parte os museos xestionados pola Xunta que é a do bookcrossing, unha iniciativa conxunta con bibliotecas de museos e centros de arte de toda España que consiste en deixar libros en lugares públicos para que os recollan outros lectores, que despois farán o mesmo.
Aínda que as especiais circunstancias que afectan este ano á mobilidade por mor da pandemia non permiten este formato, nesta ocasión proponse un bookcrossing virtual, no que cada biblioteca ou centro participante compartirá en liña un libro da súa colección ou do seu catálogo de publicacións, para consultar ou descargar. Desde a Biblioteca do Artium de Vitoria elaborarán un vídeo con todas as bibliotecas participantes, que difundirán polas redes.
Os arquivos xestionados pola Xunta de Galicia tamén participarán nesta conmemoración. Neste sentido, o Arquivo Histórico Provincial de Lugo ten previsto, coincidindo co Día do Libro, renderlle unha homenaxe a todos os traballadores das bibliotecas.
Iniciativa #aculturasegue
Todas estas actividades inclúense na iniciativa #aculturasegue da Xunta, etiqueta baixo a que se presentan propostas pensadas para toda a familia nas redes sociais das súas dotacións culturais. Así mesmo, esta acción busca recoñecer o papel sobresaínte que os nosos creadores e axentes culturais tiveron e teñen na construción social de Galicia, ao tempo que ofrece opcións de ocio dixital de calidade e plural no ámbito do fogar, que propicien a creación e consolidación de bos hábitos e prácticas culturais. Ademais de seguirse nas redes sociais, pode consultarse en cultura.gal/aculturasegue.