A Concellería de Deportes, que dirixe José Manuel Díaz Grandío, informa de que este sábado celebrarase o XII Trofeo de Judo Cidade de Lugo no Polideportivo Municipal da Casa do Deporte, que organiza a Federación Galega e a Real Federación Española de Judo. Nesta competición disputaranse a fase sector oeste do Campionato de España Absoluto e a categoría sénior masculina e feminina.
O sábado tamén terá lugar o III Torneo de Balonmán Cidade de Lugo no Pavillón Municipal dos Deportes, organizado por ADC Descubrindo Lugo. Neste torneo participarán na categoría de veteranos os equipos: BM Muralla de Zamora, Veteranos BM Castrillón, ADC Descubrindo Lugo, Veteranos Vallenalón, Veteranos Ademar León e Teka Santander.
Mentres que o domingo celebrarase a quinta proba do circuíto Corre Con Nós entre o Paseo de Ombreiro e As Saamasas. Terá a saída e a meta no aparcadoiro da Canteira, que está ao carón do Estadio Ángel Carro. Nesta carreira hai un total de 3.159 inscritos entre nenos e adultos. Trátase da quinta proba que puntúa para os adultos e a sexta para os menores.
A primeira proba comezará ás 12:00 horas para os nenos da categoría mini con 340 metros. Despois terán lugar as seguintes categorías, que se celebrarán consecutivamente segundo vaian finalizando as anteriores. A categoría A conta con 650 metros, a B 1.000 metros, a C 2.000 metros e a de adultos 6.000 metros.