Acto Central de NÓS-Candidatura Galega, o PP na TVG e o Psoe nos barrios

NÓS-Candidatura Galega celebrou en Lugo o acto central de campaña no que falaron, ademais das candidatas ao congreso e o senado, Olalla Rodil e Rosana Prieto, persoas que integran as candidaturas desta formación da que forma parte o BNG. “Unhas candidaturas para rachar coa norma establecida. Para rachar co bipartidismo a dous enquistado desde hai décadas e co bipartidismo a catro que pretenden instalar a golpe de tertulias e shows televisivos” dixo Olalla Rodil.

A candidata ao congreso sinalou que “NÓS non queremos cambiar só o cu do que vaia sentar na Moncloa, senón defender a quen leva moito tempo partíndose o lombo para sacar adiante a súa explotación gandeira aínda cando non ve un peso polo leite que produce

Na apertura do acto o voceiro do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo, afirmou que “o noso obxectivo non é ver quen chega antes a Moncloa a vivir a gastos pagos, non, o noso obxectivo é defender á xente que vive neste país”. Arroxo fixo fincapé no paradoxo de “vivir nun dos territorios máis ricos en recursos de Europa, e termos a poboación máis envellecida do mundo”. O voceiro do BNG reclamou unha tarifa eléctrica galega e lembrou que “aquí hai quen vive rodeado de eólicos e ten que apagar os electrodomésticos para poder muxir”.

Pola súa banda o portavoz do GPP no Senado e candidato a esta cámara, José Manuel Barreiro participou esta tarde no debate electoral organizado pola TVG. Na súa intervención, Barreiro asegurou que nestas eleccións o que se decide é “continuar liderando o crecemento do emprego na Unión Europea ou volver á situación de crise”. Insistiu en que só coas políticas do Partido Popular garántese a “estabilidade necesaria para afrontar catro anos de crecemento e prosperidade en España”.

O líder do PP de Lugo sinalou que “presentámonos a estas eleccións nunha situación ben diferente á de 2011” e lembrou que nese momento, co PSOE no Goberno perdéronse 3.5 millóns de postos de traballo e estaban en risco as pensións e  os sistemas públicos de educación, sanidade e dependencia. “Eramos un país ao bordo do rescate e isto supoñería o despedimento de funcionarios, a baixada de pensións e a eliminación de coberturas públicas esenciais“, matizou. José Manuel Barreiro explicou cal é a situación que temos hoxe en día despois de catro anos “de políticas acertadas do PP e do esforzo de todos os españois“. Subliñou que onde antes destruíanse 1.400 empregos ao día, hoxe créanse 1.500 diarios. “Conseguimos o que parecía imposible; hoxe xa non se fala da “prima” de risco, o rescate e a quebra”.

Neste sentido lembrou o obxectivo realista do Partido Popular de conseguir 20 millóns de ocupados en 2020. “Non debemos volver atrás, hai que evitar que unha coalición de perdedores poña en risco o que conseguimos entre todos con moito esforzo e sacrificio”, matizou.

Por medio da Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o PSOE mantivo este mércores un encontro cos veciños e veciñas no local social das Regas, na parroquia de Carballido, onde lles transmitiu algunha das prioridades do programa electoral socialista, que entre outras accións recuperará a universalidade da sanidade a partir do 20 de decembro, poñendo fin deste xeito á privatización do PP, o que provocou o deterioro da sanidade pública.

Durante o encontro, a líder socialista explicou ás diferentes medidas do PSOE en cuestións sanitarias, entre as que se atopa “promover unha nova Lei Xeral de Sanidade que asegure a cobertura universal gratuíta para todos”. “Outro dos obxectivos do Partido Socialista é reforzar a xestión pública do sistema de saúde”, avanzou Lara Méndez, quen explicou que con esta proposición o PSOE pretende manter a titularidade pública dos hospitais e centros de saúde e dos servizos sanitarios e clínicos que se prestan nos mesmos, sen prexuízo de que o sector privado poida desenvolver actividades complementarias.

No encontro, Méndez pediu o apoio dos lucenses para os socialistas, posto que “somos o único partido capaz de acabar coa desigualdade sanitaria e de recuperar unha sanidade pública, universal, gratuíta e de calidade”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com