Onte para ás dez da mañá estaba convocado nas inmediacións da ponte romana un acto reivindicativo organizado polo colectivo “Lugo, de Cara ao Miño” do que forman parte preto de vinte asociacións, plataformas e partidos políticos.
Ao mesmo estaba convidada toda a veciñanza, así como escritores e poetas, moitos dos cales xa participaran noutra acción realizada no ano 1993 en defensa do Miño e que dera como resultado a edición dun libro.
O acto consistiu nun roteiro dende o Barrio da Ponte por unha das ribeira do Miño ata a vella depuradora e volta pola outra ribeira(10 km.), con paradas onde os escritores lían os seus textos. As obras literarias, algunhas feitas para a ocasión foron lidas ou recitadas por: Xosé Miranda, Felipe Arias ou Eloi Caldeiro. Ademais houbo teatro improvisado ao longo do recorrido e xantar de convivio.
O colectivo “Lugo, de Cara ao Miño”, naceu co obxectivo de acadar o respaldo das veciñas e veciños de Lugo na defensa deste ben público ao que, historicamente, se lle ten dado as costas. Desde este movemento consideran que o impacto que está a xerar no río Miño e na súa contorna as obras da hidroeléctrica da fábrica da luz xa é a gota que reborda o vaso das múltiples e constantes agresións que o río vén soportando desde a instalación nas súas marxes do centro comercial de Carrefour: feira exposicións, gasolineira, vertidos, etc. Consideran que xa é hora de que a veciñanza de Lugo mire de fronte ao río e non de costas e que responda de xeito contundente ao chamado de socorro que nos está a facer o río máis emblemático de Lugo e de Galiza. Esta plataforma xorde, non só para combater o actual proxecto de privatización e ampliación do caudal da fábrica da luz, senón que ten vocación de permanencia no futuro e, ademais, ten un carácter aberto a todas aquelas persoas, veciñas e veciños de Lugo que a nivel individual ou colectivo compartan estes mesmos obxectivos.