As diferentes administracións presentes na cidade saíron á rúa ás doce da mañá para amosar a súa repulsa polos atentados cometidos onte e esta madrugada en Barcelona e Cambrils.
Na Deputación de Lugo, o Goberno aprobou unha declaración institucional en repulsa dos atentados e en solidariedade cos familiares e amigas das vítimas. Así o informou o Presidente Provincial, Darío Campos Conde, logo do minuto de silencio convocado que tivo lugar hoxe ás 12:00 horas na praza de San Marcos, e no que participaron Deputados do Goberno Provincial, así como autoridades, e técnicos provinciais. Campos Conde destacou que a declaración foi trasladada á Xunta de Goberno celebrada no día de hoxe, e que foi aprobada por unanimidade.
Delegación da Xunta
Traballadoras e traballadores da Delegación territorial da Xunta de Galicia en Lugo, concentraronse esta mañá, tamén ás 12horas, na entrada do edificio administrativo, en repulsa dos atentados perpetrados en Cataluña e en solidariedade coas vítimas e os seus familiares
Unhas 400 persoas secundan a concentración do Concello
A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada por membros da Corporación Municipal e deputados do Parlamento Galego e nacional, participou este venres na concentración que tivo lugar diante da Casa Consistorial para gardar un minuto de silencio en repulsa polos brutais atentados ocorridos.
Na Subdelegación do Goberno gardouse un minuto de silencio
O subdelegado do Goberno presidiu este acto acompañado polos representantes das distintas institucións da Administración Xeral do Estado, así como polo persoal da subdelegación e os cidadáns que quixeron sumarse a esta homenaxe. Ramón Carballo expresou a súa condena ó atentado e a súa solidariedade coas vítimas e as súas familias.
Cidadáns
Pola súa banda, o grupo municipal de Cidadáns solicitou ao Concello “que durante os tres días de loito oficial decretados, a bandeira da cidade de Barcelona poida ondear xunto coas da nosa cidade, a da comunidade autónoma de Galicia, a española e a europea, no balcón da Casa Consistorial”.