ADEGA achega a educación ambiental ás crianzas da provincia de Lugo co programa Da Escola á Granxa

ADEGA volve un ano máis coas actividades  do programa “Da Escola á Granxa”. Neste outono a organización ecoloxista volve as aulas para achegar a educación ambiental aos colexios de toda a provincia. A meirande parte das actividades realizaranse ao longo dos meses de outubro e novembro, nos colexios de Palas de Rei, Castro de Rei, Quiroga, o Incio, Guntín e Ribadeo.

Fabricar comedeiros para paxaros con material de refugallo, hoteis de insectos, pasta de dentes, papel reciclado ou bombas de sementes son algunhas das propostas coas que ADEGA pretende sensibilizar á cativada nos diferentes problemas ambientais que preocupan como sociedade. A través de actividades lúdicas que se desenvolven nos propios colexios, a escolla das ANPAS, a asociación trata temáticas como a perda de biodiversidade, o cambio climático ou os residuos.
Próximas actividades no CEIP de Palas de Rei

En concreto, este martes achegáronse ao CEIP de Palas de Rei para impartir aquelas actividades de educación ambiental que foron escollidas pola Agrupación de Nais e Pais A Ulloa de Palas de Rei para desenvolver no centro. Nelas participará o alumnado dende infantil ate sexto de primaria. No día de hoxe, a equipa ambiental de ADEGA aprendelle á cativada de infantil a preparar pasta de dentes natural e ecolóxica a partir de herbas que se poden atopar nos hortos. Ademais, creará un hotel de insectos con material de refugallo canda ao primeiro ciclo de primaria, ao que tamén se achegará a importancia dos insectos para a biodiversidade.

Xa para mañá, mércores 16 de outubro, ADEGA traballará co segundo ciclo de primaria a creación de bombas de sementes con arxila, para que as lancen no cole ou no lugar que escollan; e conversará sobre as enerxías que non danan o medio ambiente co alumnado de terceiro ciclo de primaria.

 

Foto: cedida por ADEGA

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com