ADEGA celebrou a súa 47ª Asemblea Xeral en Lugo

A asociación ecoloxista ADEGA celebrou este pasado sábado, 15 de abril, a súa 47ª Asemblea Xeral de socias e socios, na que fixo balance do traballo desenvolvido ao longo do ano 2022 e na que tamén acordou as liñas estratéxicas da organización para este 2023.

As socias e socias de ADEGA determinaron manterse firmes na defensa do territorio contra a invasión eólica, ás portas da que será a maior ofensiva da historia da organización fronte aos proxectos eólicos que se autoricen e que teñan un especial impacto sobre o patrimonio natural e cultural, co apoio das plataformas sociais. ADEGA traballará co obxectivo de involucrar en maior medida as sociais e delegacións nesta campaña e sopesará tamén a súa participación en experiencias prácticas de autosuficiencia ou soberanía enerxética”.

Outra das liñas estratéxicas confirmadas pasa pola custodia do monte e a “afronta contra a masiva eucaliptización”. Socias e socios acordaron prestar especial atención ás “plantacións ilegais máis graves e facer campaña de seguimento das xa presentadas. Tamén potenciará proxectos de custodia en fincas doadas e impulsará máis accións directas sobre o terreo de voluntariado a prol do bosque galego”.

Os residuos e a economía circular é a terceira e últimas das liñas acordada en asemblea xeral. Promover “unha campaña activa contra o modelo SOGAMA e o seu incumprimento dos obxectivos europeos, ademais de ampliar a oferta de ADEGA en formación en compostaxe e procurar maior especialización no eido, están entre os obxectivos prioritarios neste sentido”. As sociais determinaron, igualmente, fomentar e mellorar as relacións institucionais para o emprendemento de proxectos conxuntos.

Propostas de resolución aprobadas

Así mesmo, as persoas sociais presentes na asemblea aprobaron un total de catro propostas de resolución, entre elas, o apoio á folga estudantil convocada por “Erguer. Estudantes da Galiza para este 25 de abril por un ensino público e de calidade contra a privatización e a desgaleguización.

En materia eólica, ADEGA acordou manter o seu compromiso coa Coordinadora Eólica Así Non. E fai un chamamento para que a cidadanía acuda a manifestación do vindeiro 23 de abril en Compostela para “esixir o rexeitamento de novas autorizacións de proxectos eólicos mentres non haxa unha planificación pública, ordenada e ao servizo do pobo”.

ADEGA dedicou outra das súas propostas a Ence, “unha das industrias máis lesivas para o futuro do país e cuxa decisión do Tribunal Supremo de darlle continuidade na Ría de Pontevedra responde a unha inmoralidade manifesta que perpetúa a inxustiza”. É por iso que a asociación deixou constancia do seu apoio e agradecemento a todas as persoas, asociacións e institucións que non deixarán de loitar para que Ence marche da ría.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com