ADEGA convoca novas limpezas ante a marea de pellets en praias de Barreiros

A asociación ecoloxista ADEGA fai unha nova convocatoria á sociedade galega a participar en varias limpezas de praias simultáneas ante a marea de pellets plásticos que segue chegando ás costas de Galiza. Estas accións terán lugar o próximo sábado, 20 de xaneiro, en areais de Barreiros, limpeza coa que colabora o Concello de Lugo.

En concreto, a limpeza no concello de Barreiros terá un carácter formativo e estará dirixida, sobre todo, a aquelas persoas que teñan interese en coordinar futuras accións de voluntariado para a retirada de microplásticos e outro lixo mariño dos areais. Este carácter formativo responde á necesidade de achegar ao voluntariado instrucións precisas e claras de como se debe de actuar para realizar unha limpeza adecuada de residuos e, particularmente, dos pellets de microplástico que asolan as nosas costas. O Concello de Lugo, que financia esta actividade, porá a disposición das persoas participantes un autobús con saída de Lugo ás 10:00h e hora estimada de regreso ao
mesmo punto da cidade ás 15:45h.

O persoal de ADEGA que coordinará estas actividades poñerá a disposición de todas as persoas participantes un protocolo de limpeza do lixo mariño, con especificacións concretas para a retirada adecuada de pellets de microplástico das praias, o seguro e o material necesario para o
desenvolvemento da limpeza con todas as medidas de seguridade. As prazas para calquera das tres xornadas son limitadas e o voluntariado interesado en participar xa pode inscribirse a través dos seguintes formularios:
Xornada de limpeza de praias en Barreiros: https://goo.su/NXlKvKS
Unha vez aceptadas as solicitudes, as persoas voluntarias recibirán por correo electrónico toda a información específica sobre os puntos de encontro e as praias concretas nas que se actuará.

Máis alá das actuacións desenvolvidas a pé de praia, ADEGA tamén fai un chamamento á sociedade a acudir á manifestación convocada polo movemento ecoloxista e o sector do mar este domingo, 21 de xaneiro, en Compostela, co obxectivo de denunciar a tardanza e o desleixo das
administracións públicas na xestión desta chegada masiva de materiais plásticos á costa galega.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com