Membros da Comisión de Montes da asociación ecoloxista galega ADEGA realizaron recentemente unha saída ao campo polos arredores da Serra do Xistral, motivados pola detección de múltiples infraccións relacionadas con plantacións ilegais de eucaliptos. Nunha soa xornada, na que se percorreron varias parroquias dos concellos de Abadín e Vilalba, próximas á Zona de Especial Conservación “Serra do Xistral” (ZEC ES1120015), foron detectadas 17 parcelas con plantacións ilegais de eucaliptos, 12 delas en zona de ampliación da Rede Natura 2000 (versión do ano 2008), e 2 en terreos pertencentes a montes veciñais en man común (MVMC), que en total supoñen 200 hectáreas.
Nesta visita puideron “constatar in situ a amplitude desproporcionada das recentes plantacións ilegais de eucaliptos nunha zona que aglutina grandes valores ambientais e paisaxísticos e que estivo incluída nas propostas de ampliación da Rede Natura 2000 que a Xunta de Galicia, previa advertencia da Unión Europea, elaborou en 2008 e reelaborou en 2011, sen que ningunha destas dúas propostas chegase finalmente a oficializarse”.
Se ben ADEGA xa vén denunciando desde hai anos que estes lugares de ampliación da Rede Natura 2000 “deberían estar xa protexidos, están sendo obxecto dunha destrución acelerada tanto por proxectos eólicos (aeroxeradores, pistas sobredimensionadas, subestacións, plataformas, gabias e tendidos eléctricos) como por plantacións masivas de eucaliptos”.