Adega insta a crear unha comisión de investigación local que dirima responsabilidades pola “mala xestión” da Fábrica da Luz

A asociación ecoloxista ADEGA non admite as dúbidas manifestadas polo Concello de Lugo sobre a presentación de recurso contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que condena aos veciños e veciñas de Lugo a pagar unha indemnización de 2,7 millóns de euros a INCA pola concesión da fábrica da luz. Non presentar recurso constituiría en si mesmo un acto de exculpación da empresa INCA de toda responsabilidade no incumprimento das condicións da concesión e na execución irregular das obras da fábrica da luz, así como a delegación automática das responsabilidades políticas dos xestores municipais na cidadanía de Lugo.

A veciñanza non ten por que asumir os custos derivados das decisións erróneas adoptadas polo goberno municipal ou polos cargos públicos e funcionarios que avalaron a autorización da concesión hidroeléctrica ou se encargaban da dirección ou do seguimento do cumprimento de dita concesión administrativa e da adecuada execución obras do proxecto.

Cabe destacar que a cidadanía de Lugo xa tivo que pagar, entre multas, indemnizacións e reparación de danos, preto de 300.000 euros pola execución irregular das obras do proxecto hidroeléctrico da Fábrica da Luz. Como é sabido, desde 2015, tanto ADEGA como a plataforma Lugo de Cara ao Miño, solicitaron insistentemente ao concello de Lugo que rescindira o contrato coa empresa INCA por ter incumprido esta as condicións da concesión administrativa, xa que a concesionaria estaba executando obras no leito do río Miño, nun espazo natural protexido, non contempladas no proxecto. Tamén se lle demandou en reiteradas ocasións que renunciase ao desenvolvemento do proxecto hidroeléctrico polo seu impacto ambiental no río Miño e nun espazo natural protexido como Rede Natura, xa que na avaliación de impacto ambiental non se contemplara o potencial impacto do proxecto sobre especies en perigo de extinción e hábitats de interese comunitario presentes na zona de actuación.

Daquela, os colectivos denunciantes tamén advertiron á alcaldía e á concellaría de Medio Ambiente de Lugo que, seguir adiante co proxecto de aproveitamento hidroeléctrico e avalar a actuación da empresa INCA podería ter como resultado o lamentable escenario ao que hoxe se enfronta a cidadanía de Lugo. Porén, o Concello sempre se posicionou do lado da empresa de Miguel García Gesto, facendo caso omiso das múltiples alegacións e solicitudes presentadas por ADEGA e por Lugo de Cara ao Miño.

O Concello ten a obriga de velar polo interese público dos veciños e veciñas de Lugo e, polo tanto, debe explorar todas as vías posibles para impedir que a veciñanza acabe pagando a incorrecta xestión municipal e as mala praxe política. Por iso, o goberno municipal, non só lle debe aos veciños e veciñas de Lugo que se recorra a sentenza do TSXG, senón tamén a creación dunha Comisión de Investigación que procure responsabilidades entre os seus cargos e funcionarios públicos que xestionaron directamente o outorgamento e vixilancia do cumprimento da concesión, así como a dirección e seguimento do correcto desenvolvemento do proxecto.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com