ADEGA Lugo oponse ao proxecto corazón verde Entremurallas-Praza de san Domingos-Rúa do Teatro

ADEGA Lugo vén de presentar no Concello de Lugo alegacións ao proxecto Corazón verde entre murallas Praza de Santo Domingo e rúa do Teatro, tramitado sen ningún tipo de participación pública, que aumenta o espazo desƟnado aos vehículos destruíndo unha das poucas zonas verdes existentes dentro de murallas, con grande significación para o movemento feminista e a cidade, e que promove entre outros aspectos a privatización do espazo público.

O que podería ter sido un proxecto ambicioso, e beneficioso para a calidade de vida das persoas que viven en Lugo, convértese nun sumidoiro de cartos públicos que pouco o nada vai mellorar a vida na cidade.

No proxecto proponse desdobrar a única vía de circulación de vehículos, para o que é preciso eliminar todo o espazo vexetal axardinado e consolidado que proporciona diversos servizos ecosistémicos á cidadanía, evita o efecto illa de calor e procura moita calidade ambiental, paisaxística e estancial, como recoñece o mesmo Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) do Concello de Lugo, na contorna do Convento das Agostiñas Recoletas. Polo tanto estase aumentando o espazo destinado ao tráfico en detrimento das zonas verdes.

Segundo o Plan de Sustentabilidade do Sistema Urbano do Eixo Atlántico, editado sendo presidenta do organismo a alcaldesa de Lugo Lara Méndez, deben existir zonas verdes accesíbeis de uso cotiá a menos de 300m da poboación, e ás que hai que chegar en menos de 5 minutos camiñando. A praza de Santo Domingo, diante do Convento das Agustinas Recoletas, cumpre cos criterios establecidos no documento. Polo tanto, se se suprime ese espazo, tal e como propón o proxecto, toda a poboación nun radio de 300 metros ao este e de 300 metros ao oeste da Praza, queda sen un espazo verde xa existente, con moito uso e requirido como necesario polo devandito documento, por non existir outro que cumpra os requisitos establecidos no Plan. A eliminación da zona axardinada, implica o traslado das árbores. Unha das árbores afectadas polo proxecto, é o Gingko Biloba, de grande significado para a cidade e o movemento feminista en Lugo, lembranza das mulleres asasinadas por mor da violencia machista. No proxecto proponse o desprazamento a outro lugar diferente, sen ter en consideración o vínculo e significado deste espazo.

Ademais de non ter en conta as consideracións da normativa municipal con respecto á Protección Ambiental (ver nas alegacións), o concello segue apostando por pavimentos impermeábeis e pola redución dos espazos con vexetación tanto na obra nova como nas obras de rehabilitación e renovación de espazos urbanos. Reducir as zonas de permeábeis nas prazas, parques e avenidas incrementa a acumulación de auga e os danos provocados por esta nos episodios de choivas torrenciais como os ocorridos nestes últimos días, que cada vez serán máis frecuentes por mor do cambio climático.

Ademais, estase promovendo por un lado a privatización do espazo público mediante a instalación de terrazas destinada á hostalaría, tamén a deshumanización do espazo público, coa implantación dun mobiliario exemplo da arquitectura hostil e defensiva, con bancos individuais ou con repousabrazos intermedio, evitando así a posibilidade de tumbarse.

Polo exposto, esiximos ao Concello de Lugo, o mantemento da zona verde consolidada existente, a agrupación dos itinerarios do tráfico rodado nunha vía coincidente coa actual. A creación dunha zona pública no contorno do Monumento ao Bimilenario, empregando para esta zona, e para o resto da intervención mobiliario ergonómico e inclusivo que permita a interacción das persoas e estea protexido do vento e ou o sol.

Para non repetir episodios como os vividos nas últimas semanas con inundacións e desprendementos debido ás choivas torrenciais, as novas propostas teñen que ter asociado o aumento de zonas permeábeis no entorno urbano que permitan aumentar a resiliencia da cidade fronte ao cambio climático.

Pedimos unha cidade amable para as habitantes, e non hostil con aquelas persoas mais vulnerábeis, que conserve as zonas verdes, e facilite a convivencia do tráfico e as persoas. Vehículos e peóns poden convivir se o espazo é favorábel.

E por último, esiximos ao Concello de Lugo que promova procesos de participación pública, facendo participe á cidadanía nas decisións que afectan a súa relación coa cidade. A continuación poden consultarse as alegacións presentadas.

En relación ao proxecto Corazón verde entre murallas Praza de Santo Domingo e rúa do Teatro, dentro do programa de axudas a municipios para a implantación de zonas de baixas emisións e a transformación dixital e sostible do transporte urbano no marco do plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado a través do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, facemos as seguintes ALEGACIÓNS:

PRIMEIRA. Aumento do espazo público destinado aos vehículos. O caso da Praza de San Domingos (Lugo) Actualmente na zona oeste da Praza de San Domingos conflúen tres itinerarios de circulación de vehículos de carga, descarga e residentes: dende a rúa Quiroga Ballesteros, dende a rúa Armanyá e de saída do aparcamento subterráneo. Estes tres itinerarios circulan polo sur da praza nunha vía única ata a rúa do Teatro. No proxecto desdóbrase esta única liña de circulación en dúas, unha coincidente coa actual e outra que atravesará pola metade a zona axardinada consolidada na actualidade e que trae como consecuencia a súa total supresión. Con esta intervención estase aumentando a superficie de espazo público destinado aos vehículos e reducindo a superficie destinada a zona verde. “As superficies con vexetación son captadoras potenciais de partículas contaminantes ademais de fixar CO2 e contribúen ao confort térmico ademais de amortecer o efecto de illa de calor”.(Fernández et al., 2022, páx. 98) Polo tanto, con esta medida non se está favorecendo a redución das emisións, senón que se podería producir o efecto contrario ao reducir a superficie de zona verde consolidada que actúa como sumidoiro de CO2.

SEGUNDA. Desnaturalización do espazo público Para gañar máis espazo para os vehículos, elimínase todo o espazo vexetal axardinado e consolidado que proporciona diversos servizos ecosistémicos á cidadanía, evita o efecto illa de calor e procura moita calidade ambiental, paisaxística e estancial, como recoñece o mesmo Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) do Concello de Lugo, na contorna do Convento das Agostiñas Recoletas. Proponse o traslado de árbores como o Ginkgo biloba, ou as camelias que agora conseguen florecer en Lugo, e que na actualidade fan de barreira acústica e ambiental entre os automóbiles e a praza, así coma o rododendro situado na saída do aparcamento soterrado. Segundo a ordenanza de protección ambiental do Concello de Lugo, no artigo 265 relativo á protección a vexetais no ordenamento urbanístico: “Os promotores de proxectos de ordenación urbanística procurarán o máximo respecto ás árbores e plantas existentes, e as que teñan que suprimirse forzosamente serán repostas noutro lugar, a fin de minimiza-los danos ó patrimonio vexetal do municipio”. E segue no Artigo 268, relativo a Animais en zonas verdes: “…Procurarase deseña-las zonas verdes, por parte dos servizos competentes, de maneira que, polos seus propios elementos e características, atraian de modo natural ás aves e outras especies silvestres”. Ademais de non ter en conta as anteriores consideracións da normativa municipal, o concello segue apostando por pavimentos impermeábeis e pola redución dos espazos con vexetación tanto na obra nova como nas obras de rehabilitación e renovación de espazos urbanos. Reducir as zonas de permeábeis nas prazas, parques e avenidas incrementa a acumulación de auga e os danos provocados por esta nos episodios de choivas torrenciais como os ocorridos nestes últimos días, que cada vez serán máis frecuentes por mor do cambio climático.

TERCEIRA. Destrución de espazos emblemáticos da cidade. Proponse a eliminación de espazos emblemáticos na cidade, co traslado das árbores a outros lugares, sen que se teña avaliado no proxecto o mantemento destes espazos. Entre as especies arbóreas e arbustivas de importancia sinalamos o Ginkgo Biloba de alto porte de mais de 15 anos de idade, que ven sendo lugar sinalado para punto de encontro de actividades relativas a reivindicacións feministas e de denuncia contra o mal trato as mulleres. No dia 8 de marzo é lugar especialmente escollido para actos de carácter reivindicativo de apoio as mulleres maltratadas e contra o machismo na sociedade actual. O proxecto traslada esta árbore a unha localización menos simbólica nun lugar menos representatívo na cidade que o da súa posición actual. CUARTA. Privatización do espazo público Por outra banda, na zona nordés da Praza de San Domingos, tamén se reduce a zona verde que rodea o Monumento ao Bimilenario para gañar un espazo estancial que aparece grafiado no proxecto como de ocupación de terrazas de hostalería. O que supón a privatización dun espazo público resgardado dos ventos e soleado que debería ser utilizado libremente sen necesidade de pagar consumicións que non son accesibles para todas as persoas. QUINTA. Deshumanización do mobiliario urbano O mobiliario urbano contemplado no proxecto son 10 bancos individuais e 22 bancos de asento de 2 metros de largo cun repousabrazos intermedio. Bancos nos que no é posible tombarse, un clásico exemplo da definida como arquitectura hostil ou defensiva (Abad, Alameda e Galén, 2018) contra as persoas sen fogar e as persoas mozas, xusto o contrario do que debera ser un espazo público humanizado e inclusivo. SEXTA. Falta de procesos de participación pública. Pese a que o proxecto supón unha gran intervención nun espazo que na actualidade é usado a diario por multitude de persoas, a súa tramitación non promoveu ningún proceso de participación pública.

SÉTIMA. O Plan de Sustentabilidade do Sistema Urbano do Eixo AtlánƟco1 define os criterios para as intervencións en tecidos consolidados no seu capítulo 4.1, e, no apartado 4.1.5 de biodiversidade, as dotacións de espazos verdes necesarias e a súa debida proximidade á cidadanía. Define zona verde en zona urbana como os espazos de estancia cunha superficie mínima de 1.000 m² e que teñen máis do 50% da súa superficie permeable, o que esixe un mínimo de 500 m² de solo permeable e outro tanto de estancia. Estas condicións as cumpre o espazo da Praza de San Domingos situado diante do Convento das Agostiñas Recoletas, correspondéndose co primeiro tipo que define o documento: espazos verdes accesibles de uso cotián, cos requisitos de que deben existir a menos de 300 metros da poboación e debe chegarse a eles en menos de 5 minutos camiñando. Polo tanto, se se suprime ese espazo, tal e como propón o proxecto, toda a poboación nun radio de 300 metros ao este e de 300 metros ao oeste da Praza, queda sen un espazo verde, xa 1Documento editado polo Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular no 2022, sendo presidenta do organismo Lara Méndez, alcaldesa de Lugo. existente e con moito uso, requirido como necesario polo devandito documento, por non existir outro que cumpra as condicións necesarias. Ademais, no devandito Plan de Sustentabilidade, indican á necesidade de garantir a conectividade do espazo verde periurbano co urbano, creando unha rede verde única, co obxectivo de introducir a natureza na cidade. Eliminando este espazo verde urbano, estase imposibilitando a creación desta infraestrutura verde. OITAVA. Tanto o PEPRI como o Consello da Cultura Galega, no Foro Patrimonio e Sociedade (hƩp://consellodacultura.gal/publicacion.php?id=4423), recoñecen como fundamental o mantemento e a recuperación do uso residencial como uso preferente no Recinto Histórico, evitando unha especialización funcional como pode ser a turística: “Preservar o uso residencial dos centros históricos como garantia de integración no tecido social da cidade, evitando a especialización funcional e a perda de esencia urbana”. (Consello da Cultura Galega, 2021, páx. 107) EN CONSECUENCIA ESIXIMOS:

PRIMEIRO. O mantemento da zona verde consolidada existente. Analizado o espazo, sabemos que é posible non so o seu mantemento senón tamén a súa ampliación aínda situando a parada de taxis ao sur de dita zona axardinada.

SEGUNDO. A agrupación dos itinerarios de circulación do tráfico rodado nunha única vía, coincidente coa actual, na que se sitúe a parada de taxis proxectada. O trazado actual da vía contén un cambio da aliñación en forma de zigzag, sendo esta unha das medidas recoñecidas de redución da velocidade do tráfico rodado, que interesa manter (Herce, 2009, páx. 187- 188). Limitándoa por bolardos ou outros sistemas, tal e como define o PEPRI, para evitar os problemas que pode xerar nas persoas con mobilidade restrinxida ou dificultades sensoriais (auditivas ou visuais).

TERCEIRO. A localización na zona nordés da Praza, entre o Monumento ao Bimilenario e o acceso ao aparcamento, dunha zona pública con mobiliario acorde –asentos, mesas, zona infanƟl, etc- para a súa utilización libre por todas as persoas, con árbores e espazos axardinados.

CUARTO. O deseño dun mobiliario urbano ergonómico e inclusivo, colocado de xeito que favoreza a interacción entre persoas, protexido dos ventos e que contemple opcións diversas, tales como a opción sen sombra para o inverno e a de vexetación que poda darlle sombra nos días de calor.

QUINTO. Procesos que garantan a participación pública na planificación urbana. Tanto este proxecto, como outros desenvolvidos polo Concello de Lugo, non contan coa veciñanza nin a fan participe nas decisións que afectan a súa relación coa cidade.

SEXTO. Sendo a alcaldesa Lara Méndez presidenta do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, se tomen as referencias expresadas dos documentos publicados polo organismo.

SÉTIMO. A conectividade das zonas verdes periurbanas coas urbanas, por medio dunha infraestrutura verde que introduza a natureza na cidade, a conecte en rede e acerque os parques periurbanos á poboación, como podería ser, por exemplo, a través da Vía Romana XIX.

OITAVO. O aumento de zonas permeábeis no entorno urbano que permitan reducir os riscos asociados aos episodios de choivas torrenciais, e permitan aumentar a resiliencia da cidade fronte o cambio climático. NOVENO. Pedimos unha cidade amable para seus habitantes e non hostil con aqueles mais vulnerábeis, facilitando a convivencia do tráfico e as persoas. Vehículos e peóns poden convivir se o espazo é favorable. Referencias e fontes: Abad, J.M. [José Manuel], Alameda, D. [David] e Galén, J. [Javier] (17 de setembro de 2018). Bancos que impiden tumbarse. El Pais. hƩps://Ɵnyurl.com/2sa383cc Consello da Cultura Galega (2021). Foro Patrimonio e Sociedade: Guía práctica para a análise dun sector clave. DOI: 10.17075/fpsgp.2021. hƩp://consellodacultura.gal/publicacion.php?id=4423 Fernández, E. [Emilio], Cárdenas, F. [Francisco], Leite, L.M.M. [Luis Manuel Morais] & Silva, R.J. [Ricardo Jorge]. (2022). Plan de Sostenibilidad del Sistema Urbano del Eixo Atlántico. Eixo Atlántico del Noroeste Peninsular. h Ʃps://www.eixoatlanƟco.com/es/biblioteca, hƩps://www.eixoatlanƟco.com/gl/listado-publicaciones/5601-plan-de-sostenibilidaddel-sistema-urbano-del-eixo-atlanƟco Herce, M. [Manuel] (2009). Sobre la movilidad en la ciudad: Propuestas para recuperar un derecho ciudadano. Editorial Reverté, S.A.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com