Continuando co programa de roteiros do ano 2020/21 ADEGA Lugo organiza para este domingo 21 de marzo o roteiro A mestura das augas pola Peroxa e os Peares.
Camiñarase por unha ruta liñal de 11 Km dende A Peroxa até Os Peares, na provincia de Lugo. É un percorrido doado, de baixada, que transcorre por dous cenarios diferenciados: na primeira parte ao carón do río Barra ata Gulfariz; na segunda parte á beria do Miño ata a vila dos Peares, onde se verá a unión dos ríos Sil, Miño e Búbal.
No itinerario poderase contemplar un ben conservado bosque de ribeira, na primeira parte, ademais de pasar polo Castelo de A Peroxa. Na segunda parte poderemos apreciar algúns dos impactos que ameazan aos nosos ríos, neste caso a presenza de especies de flora exótica invasora pola beira do río Miño.
Coincidindo co día da árbore, farán un pequeno acto reivindicativo contra o novo plan forestal da Xunta. Quen quera participar pode inscribirse ata o xoves 18 na bitácora dos roteiros roteirosadegalugo.wordpress.com onde poderá completar a información e tamén chamando ao 982240299. Durante o desenvolvemento da actividade cumplirase en todo momento o protocolo COVID.