ADEGA-Lugo organiza un roteiro entre Lugo e Castroverde

A delegación de Lugo de ADEGA organiza un novo roteiro este domingo, para coñecer algúns dos tesouros agochados en Lugo e Castroverde: abrigos naturais, o círculo lítico “A Horta do Rei”, mámoas e interesantes formacións rochosas, ademais do cemiterio e a Croa de Soutomerille. E poderemos gozar de amplas paisaxes. Será de dificultade media-alta, duns 18,5 Km. de lonxitude e uns 250 m. de desnivel. Discorrerá polas parroquias de Teixeiro e Labio no concello de Lugo, e polas de Barredo, A Meda e Soutomerille no de Castroverde.

Descrición da ruta 

Comeza nos Lagos de Teixeiro, cunha primeira parte do percorrido en ascenso polo Monte Castelo, pasando polo Alto da Chousa e chegando á Pena do Castelo Vello, onde queda a lembranza da presenza de guerreiros viquingos na Baixa Idade Media. Desde o miradoiro acondicionado neste lugar poderase contemplar amplas panorámicas.

Continúa cara ao Outeiro de Fompedriña e logo descende á Lagoa da Carballosa (unha das zonas núcleo da Reserva da biosfera Terras do Miño). Preto dela, visitaran a Pena da Ermida, cuxa toponimia e restos do que noutro tempo foi un espazoso abrigo natural, da a pensar que puidera terse utilizado hai séculos como refuxio dalgún eremita.

A continuación internaranse na Carballosa, bosque de carballos de máis de 70 Has. de extensión, con felgos, musgos e outras plantas que lle confiren un gran valor ambiental. Poderán desfrutar do seu agradable microclima e coñecer algúns dos “tesouros” que acolle, tanto naturais como culturais (abrigo rochoso, “círculo lítico”,…).

Seguirá pola crista da Serra de Outeiro Maior en dirección leste, pasando polo Monte da Medorra e por unha área con varias mámoas e interesantes formacións rochosas (Tres PenasPena do CampanarioPenas de GulfePena da SarnaO PicoPena da RuzaPena Branca e O Castriño). Durante esta parte do percorrido teran ocasión de comentar o proxecto eólico que ameaza estes montes.

Descenderan logo á aldea de Santo André de Barredo, e continuaran cara ao sueste por terras de orografía chaira, atopándose no camiño co Río da Baranca. Cruzada esta canle fluvial, uns 400 metros ao sur visitaran o Cemiterio de Soutomerille, un dos máis pequenos de Galicia, e uns 250 m. máis adiante pasaremos pola Casa-Torre de Arriba (residencia de quen hai séculos dominara estas terras da parroquia de Soutomerille).

A continuación subirán logo á Croa de Soutomerille, onde farán unha parada  nas formacións rochosas de Os Asentos dos Mouros, para tornar logo á Casa Torre de Arriba polo medio do bosque que envolve á croa.

Seguindo cara ao oeste, atoparan coa Igrexa de Soutomerille, -pequena capela que conserva restos dunha anterior capela de estilo visigótico ou mozárabe-, e, ao seu carón, cos restos da chamada Casa-Torre de Abaixo.

A andaina finalizará a uns 700 metros ao oeste deste lugar, nas proximidades da Areeira da Pallota, área de extracción mineira parte da cal foi obxecto de restauración ambiental hai poucos anos.
As persoas que estean interesadas en reservar praza, terano que facer a través do formulario de reserva antes das 13h do venres anterior ao roteiro. Cubriranse as prazas por orde de inscrición. Os roteiros de ADEGA-Lugo están abertos á participación de público de todas as idades, cun prezo de 6 euros.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com