Pasadas as choivas torrenciais do 11 de abril en Lugo, a delegación de ADEGA na cidade quere poñer de manifesto que “as inundacións que se deron en diferentes puntos son resultado dun urbanismo alleo aos ríos, coa cidade cada vez máis impermeabilizada”. A asociación “leva case 20 anos reclamando a protección, conservación e restauración de todos os cursos fluviais do Concello, porque nun contexto de cambio climático, estes eventos van ser cada vez máis frecuentes”.
Dende ADEGA salientan que “a parte máis grave levouna o río Rato e os seus afluentes, moitos deles desaparecidos e convertidos en estradas e edificacións, que nestes días se converteron en riadas incontroladas. Cantos baixos hai en Lugo con bombas achicando auga?”
ADEGA sinala que “a sobrecarga da rede de saneamento con regos e augas pluviais, así como o mal deseño e funcionamento dos pozos de tormenta, fan que todas as augas residuais da rede se vertan directamente no río Rato, sen o seu tratamento na depuradora de augas, e amosen a estampa tan desoladora das marxes do río Rato ateigadas das toalliñas, compresas, condóns, plásticos e demais residuos que a xente bota polo wc. Porén, o que pasou no río Rato tamén aconteceu noutros barrios da cidade como A Garaballa, Gándaras, Albeiros, Paradai, Fontiñas ou A Tolda”.