O Concello de Lugo vén de rematar as obras coas que se desfacía un dos tapóns urbanísticos que máis queixas recibía da veciñanza da cidade: o da Avenida da Coruña. Ata o número 362 desta vía neurálxica da cidade se desprazou hoxe a rexedora lucense xunto ao edil titular da área de Infraestruturas Urbanas para dar conta a unha vintena de veciños da zona do remate destas obras que o Concello de Lugo tiña adebedadas aos lucenses dende hai uns 40 anos.
Con estas obras, a cidadanía lucense gaña en seguridade ao derrubar un muro de peche dunha finca e ampliar a beirarrúa. Nos traballos, tanto de demolición como de urbanización de beirarrúa, o Goberno investiu 36.360 euros, tras acometer as expropiacións dos terreos necesarios para levar a cabo estas tarefas, que afectaron a 172 metros cadrados de superficie fóra de aliñación (3 parcelas de 16 propietarios e indenmización pola extinción dun valo publicitario a Acrobasing SL), cun importe económico de 60.720,35€.