Adif adxudicou a supresión de cinco pasos a nivel na liña convencional Ourense- Monforte de Lemos-Lugo, no municipio de Sarria. A solución prevista consiste na construción de dous pasos superiores e un paso inferior, así como a reordenación dos camiños existentes para acceder ás novas estruturas. As obras foron adxudicadas en 3,8 M€. Un dos pasos superiores, de 117 m de lonxitude, situarase na zona do “apartadero” de Oural e dará acceso a unha cementeira, un camiño de servizo e as rúa Rúa Budueira e Rúa Agra. A calzada contará con dous carrís para vehículos, dúas beiravías e dúas beirarrúas para peóns. O outro paso superior dará acceso ás leiras da contorna e contará cunha calzada dun carril e dúas beirarrúas. Así mesmo, melloraranse varios tramos de camiños.
As actuacións complétanse coa construción dun paso inferior de 3 metros de anchura, mediante caixón de formigón armado empuxado baixo a vía. Trátase dun paso privado, non aberto ao tráfico rodado, que terá uso principalmente gandeiro e dará acceso ás leiras lindeiras.
A supresión destes cinco pasos a nivel súmase ás actuacións en marcha para suprimir outros 12 pasos no tramo Monforte-Lugo, (seis na capital lucense, catro máis en Sarria e dous en Monforte de Lemos.
Adif está a levar a cabo unha ambiciosa renovación integral do corredor Ourense-Monforte de Lemos-Lugo (117 km) para reforzar a fiabilidade e capacidade de circulación da liña, que conecta coa alta velocidade en Ourense, ademais de renovar e ampliar estacións como as de Monforte e Lugo. Modernizouse todo o material de vía (carril, balasto, travesas), reforzáronse estruturas, desmontes e terrapléns, e adaptáronse os gálibos das pontes e túneles da liña, entre outras actuacións. Ademais, adaptouse o sistema de electrificación existente no tramo Ourense-Monforte para o seu funcionamento tamén a 25 kV, e instalouse a electrificación no tramo Monforte-Lugo.