O Concello de Lugo vén de adxudicar a xestión da cafetería do Parque de Rosalía de Castro, logo de adaptar os requisitos ás necesidades actuais do sector, condicionadas, fundamentalmente pola elevada demanda de man de obra da que adoece.
A tenenta de alcaldesa e responsable de Gobernanza, Paula Alvarellos, explicou que a Xunta de Goberno aprobou esta mañá outorgar á empresa EGV Hotelery a explotación do servizo por un período de dous anos, prorrogable durante 8 anos máis, até os 10, mantendo o canon nos 1.500 euros ao mes (18.000 € anuais).
“Respectamos, deste xeito, o mesmo importe que xa figuraba nas bases de 2012, sendo conscientes da realidade tan complexa que atravesamos dende hai tres anos”, referiu a edil que lembrou que os principais cambios introducidos nos pregos do concurso gardaron relación coa redución non só da duración do contrato senón tamén dos horarios de apertura do establecemento.
“A man de obra cualificada leva tempo sendo un hándicap para este sector e dende o Concello quixemos flexibilizar as condicións, rebaixando as esixencias en materia de horarios, apostando pola mellora e a estabilidade do persoal que poderá ser inferior en número pero gañará, sen dúbida, en calidade de traballo e, polo tanto, repercutirá tamén de xeito positivo no servizo”.
Así, o local poderá permanecer pechado até dous días á semana e o horario mínimo de apertura se enmarca entre as 09:00 e as 22:00 horas, diminuíndo en catro horas ao anterior (07:00 a 00:00 horas).