Adxudicadas as obras de construción do novo Centro de Servizos Sociais interxeneracional de Lamas de Prado

A Xunta de Goberno Local aprobou na reunión deste mércores a adxudicación das obras de construción do novo Centro de Servizos Sociais de Lamas de Prado por un importe de 1.230.265,08 euros. Este equipamento, levantarase nunha parcela municipal de 886 m² cadrados, que linda coa rúa Aquilino Iglesia e Fábrica de Abella. Os traballos contan cun período de execución de 12 meses e a empresa encargada de levalos a cabo será Prado Lameiro S.L., logo de presentar a oferta máis vantaxosa.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, apuntou que “estas novas instalacións prestarán servizo a unhas 20.000 persoas dos barrios do Carme, A Cheda, Abuín-Abella e Castiñeiro, así como de diversas parroquias. O obxectivo é integrar nun só edificio, moderno e funcional, os locais da zona nos que actualmente se levan a cabo labores de benestar social, e que quedaron xa pequenos, e crear espazos polivalentes para dinamizar actividades para os nosos maiores e para os mozos e mozas, favorecendo así a convivencia interxeracional, pero tamén para os máis pequenos facilitando a conciliación das familias”.

O proxecto enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% polos Fondos de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea, que contempla entre os seus obxectivos o desenvolvemento de accións para fomentar a inserción laboral e reducir o risco de exclusión. Deste xeito, o novo centro contribuirá á revitalización da zona, cunha nova imaxe de modernidade, innovación e mellora estética, ao tempo que se busca inserir social e laboralmente a colectivos vulnerables.

Na súa construción teranse en conta criterios medio ambientais e de sustentabilidade, empregando a madeira como principal elemento estrutural, na liña do edificio Impulso Verde que se está a levantar na Garaballa, e dentro da aposta por un novo modelo de urbanismo sostible que impulsa o executivo municipal, principalmente a través do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico.

Neste senso, na elaboración do proxecto tívose en conta a esixencia de alcanzar un edificio de consumo enerxético case cero e a instalación de paneis fotovoltaicos, ao tempo que se proxecta unha zona verde ao redor deste espazo público, co fin de conformar unha separación co tráfico rodado. Ademais, na área de aparcamento se contemplan prazas de recarga eléctrica.

No seu deseño tamén se tiveron en conta criterios de ubicación en función das horas solares, e a zona sur disporá dun peche de láminas de madeira para regular a incidencia do sol e controlar o confort climático interior.

O inmoble disporá de dúas plantas e un soto, que funcionará de xeito independente: a planta baixa, que terá unha distribución flexible, albergará actividades recreativas e formativas, coas que facilitar a convivencia interxeracional e a conciliación familiar; e a planta superior destinarase a labores de traballo social.

O centro destinarase a realizar distintas funcións: asesoramento e axudas sociais, formación e cursos, así como actividades recreativas ou de ocio tales como baile, teatro, espectáculos, xogos, etcétera. Contará cun equipo interdisciplinar constituído por traballadores sociais, educadores, animadores, auxiliares e conserxería.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com