O Executivo Municipal deu este xoves un paso máis no proxecto que permitirá poñer en valor a antiga Fábrica da Luz e a súa contorna, convertendo este emblemático edificio nun moderno centro de enogastronomía. Esta iniciativa enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD), “Et Edendo, Lucus: Un percorrido histórico pola enogastronomía”, para o que o Goberno Local acadou unha achega de 2 millóns de euros de fondos europeos Next Generation.
O Goberno Local vén de adxudicar a redacción do proxecto e a execución dos traballos de rehabilitación do inmoble baixo criterios passivhaus á empresa Citanias Obras y Servicios SLU por un importe total de 554.212,94 euros. Esta disporá dun prazo dun mes –desde a formalización do contrato– para a presentación definitiva do proxecto de obra para a súa supervisión, aprobación e replanteo; e un segundo prazo de catro meses para a execución dos traballos, que comenzará a contar desde a data de comprobación do replanteo.
Para a posta en marcha desta iniciativa, o Concello de Lugo e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil asinaron un convenio que outorga ao municipio unha concesión de 50 anos sobre o complexo para a súa posta en valor.