Adxudicado en 71.300€ a atenciónde actividades nas casas da Xuventude e da Música

A Xunta de Goberno do Concello de Lugo aprobou esta mañá adxudicar o contrato de prestación do servizo de atención ao público, e a coordinación e desenvolvemento de actividades nas casas da Xuventude e da Música á empresa A Billarda por un importe anual de 71.300 euros e unha duración de dous anos, con opción de prórroga por outros dous.

O voceiro municipal, Miguel Fernández, explicou que a Mesa de Contratación seleccionou a oferta da Billarda por ser a máis vantaxosa economicamente para o Concello, e incluír 140 horas gratuítas ao ano para a formación de monitories e o incremento sobre as retribucións do salario base dos traballadores dun 2% sobre o establecido no convenio colectivo marco estatal de ocio educativo e animación sociocultural.

O servizo ten como obxectivo mellorar a participación efectiva dos mozos e mozas na sociedade mediante unha integración educativa, social e laboral, ofrecéndolles alternativas lúdicas e formativas.

Por outra banda, a Xunta de Goberno acordou desestimar, en base aos informes dos servizos municipais de Contratación e Enxeñería, o recurso de reposición presentado polo Colexio de Arquitectos de Galicia en relación ao decreto de  adxudicación do contrato menor de servizos para a redacción do proxecto técnico de peonalización e cuberta da rúa Quiroga Ballesteros. Tanto Contratación como Enxeñería afirman que ningunha das alegacións presentadas se sustenta.

O proxecto técnico de peonalización foi presentado polo equipo adxudicatario, encabezado polo arquitecto lucense José Antonio Rodríguez Moscoso, o 26 de decembro e, nestes intres, os técnicos están a realizar a tramitación preceptiva para sacar a licitación as obras, que teñen unha consignación de 1,1M€ tras a modificación de crédito aprobada polo Pleno en agosto do pasado ano. En canto á cuberta, o prazo para a presentación do proxecto técnico é de tres meses, e a dotación orzamentaria é como máximo de 400.000 euros, prevista no Plan de Barrios que o Goberno local incluíu nos Orzamentos que presentou para este 2018.

Doutra banda, o voceiro aproveitou para responder as numerosas críticas que está a recibir o goberno de Lara Méndez  pola falta de funcionamento de varios aparellos electrónicos como as PDAs da Policía local ou o equipo de control horario  dos funcionarios municipais, instalado no Concello dende hai 10 anos e que aínda non está en funcionamento, segundo denunciou onte Cidadáns. Fernández asegurou que o Concello está a ultimar a implantación do programa informático que irá ligado a estes aparellos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com