A Xunta de Goberno do Concello de Lugo aprobou este mércores a adxudicación do contrato de servizos de prevención e control da lexionelose nas instalacións de titularidade municipal e de desinfección, desinsectación e desratización no municipio á empresa Sanal Control Medioambiental por importe de 35.000 euros, IVE incluido, a primeira anualidade.
Segundo informou o voceiro municipal, Miguel Fernández, das catro mercantís que presentaron oferta na licitación, a Mesa de Contratación seleccionou a Sanal por presentar a oferta máis vantaxosa e con melloras, como o incremento no número de controis e a suba das retribucións do salario base dos traballadores do 15% sobre o establecido no convenio colectivo estatal do sector. A duración do contrato será de dous anos, prorrogables por outros dous.